Print this page

Carlos Penela gaña o XXXI Premio de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón

Rate this item
(0 votes)
Carlos Penela Carlos Penela Foto: Galipedia

A Casa da Cultura de Dodro acolleu o fallo do XXXI Premio de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón, do que resultou gañador o poeta vigués Carlos Penela Martín, quen xa fora gañador deste mesmo galardón no ano 2000 con Acaso o inverno (Ediciós do Castro).

O xurado desta edición, composto por Luis Valle, Mario Regueira, Elvira Ribeiro e Branca Vilela, destacou do poemario gañador, titulado Ese tépedo vento que pasa sobre o mundo, a voz literaria consolidada da obra, que atravesa moitos valores da poesía de calquera tradición. Síntese, depuración ascensional e unha contida e selecta escolma de imaxes e metáforas, artellan un poemario merecente desta XXXI Edición.

O premio entregarase o sábado 22 de decembro as 17.30 h. no CPI Eusebio Lorenzo Baleirón.

Carlos Penela e filólogo e reside dende hai anos na capital austríaca. Como poeta, ademais destes dous premios Lorenzo Baleirón, obtivo o Premio Espiral Maior de Poesía en 1997, en 2007 gañou o Premio de poesía Caixanova e no ano 2014 o Premio Miguel González Garcés.

O Premio de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón foi instituído en 1988 polo concello de Dodro co obxectivo de contribuír á reafirmación da lírica galega e honrar ao poeta Eusebio Lorenzo Baleirón. Entre os gañadores atopamos voces tan relevantes na nosa poesía actual como Gonzalo Navaza, Xavier Rodríguez Barrio, Helena Villar Janeiro, Isidro Novo, Rafa Villar, Luís Valle ou Isaac Xubín, entre outras.