Print this page

Carlos Labraña gaña o II Premio Platta – Galicia 2020

Rate this item
(0 votes)
Carlos Labraña Carlos Labraña Foto: Distrito Xermar-AELG

Descociñando, de Carlos Labraña, é a obra gañadora do II Premio Platta de Teatro Breve – Galicia. Este premio, que celebra a súa segunda edición, nace co obxectivo de estimular a escrita teatral e promover tanto a súa tradución como a súa difusión nos diferentes territorios que configuran a Platta Plataforma Transfronteiriza de Teatro Amador (Federación Galega de Teatro Afeccionado, Federación de Grupos Aficionados de Teatro de Castilla y León, Teatro do Noroeste – Centro Dramático de Viana e erregueté). O premio estrutúrase ao longo do ano en tres certames que se corresponden coa lingua do territorio que acolle cada un dos festivais transfronteirizos: Castela e León (castelán), Portugal (portugués) e Galicia (galego).

O xurado desta edición estivo composto por María Armesto, José Breijo “Topo” e Mercedes Pardavila, actuando de secretario con voz pero sen voto Xoán Carlos Riobó, da erregueté. Os membros valoraron da obra de Labraña “a prolífica configuración dos personaxes e a identificación con eles, a utilización de mecanismos como a intriga que mantén o interese e a curiosidade da lectora, o uso de metáforas que ilustran os estados de ánimo do personaxe principal e o sorprendente final purificador tinxido pola comicidade deste drama”.

Ademais da súa publicación, o texto será o material de traballo das lecturas dramatizadas que terán lugar no mes de novembro dentro do marco do Festival Transfronteirizo de Teatro Amador organizado pola Federación Galega de Teatro Afeccionado. Tamén, o texto será publicado na colección PLATTA en galego, castelán e portugués, dentro das actividades da Plataforma Transfronteiriza de Teatro Amador.