Print this page

Carballo prepara un completo programa de actividades para celebrar o Día das Letras

Rate this item
(0 votes)

Carballo celebra o Día das Letras do 17 de maio a través dun programa de actividades que dura todo o mes e que se centra nunha serie de datas arredor da promoción da lingua, o libro e a lectura con propostas moi diversas como teatro, concertos, exposicións ou festivais.

O Programa das Letras 2012 está organizado pola Concellería de Cultura, pero tamén conta coa colaboración das asociacións culturais do municipio, que contribúen coa celebración de diversos actos, e de organismos como a Deputación provincial.

Como cada ano, o acto máis esperado é o maratón As letras en voces, o día 17 de 11.00 h. a 13.30 h., unha lectura pública e colectiva dos autores homenaxeados no Día das Letras na que cada participante le un fragmento literario de calquera dos cincuenta autores que teñen sido recoñecidos este día, con especial atención ao escollido este ano, o pontevedrés Valentín Paz-Andrade. Os interesados e interesadas en reservar horario poden facelo no teléfono 981 704 300; no fax 981 704 302 e no correo Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.. O maratón "As letras en voces" contará, así mesmo, coa apertura musical da Banda Tradicional de Gaitas, que dirixe Xesús Moreira, e coa actuación das corais Riveiras do Anllóns e o coro da Asociación COEI

Outra das citas máis relevantes do programa ten lugar o mércores 16 de maio a partires das 21.00 h. Trátase de "Vitaminas para o galego", un pequeno festival que pretende darlle enerxía ao uso e prestixio da lingua galega. A entrada é libre e gratuíta e o acto tamén serve de marco para entregar o Premio a artigos xornalísticos normalizadores, que recaeu en Carlos Callón por Fai o teu galego e que tamén supuxo un accésit para Alba Cid. A cita será presentada pola actriz, escritora e contacontos, Xograresa de Outono, Paula Carballeira; e contará coa actuación en acústico de Sés, un grupo galego que está formado pola cantante carballesa María Xosé Silvar e polo guitarrista Tito Calviño.O Programa das Letras prestará unha especial atención aos libros e á lectura coa presentación de dúas obras. O sábado 19 ás 20.00 h. é a quenda de Comarca natural de Bergantiños de Salvador Parga Pondal. A cita está organizada pola AC San Campio de Cances e conta coa colaboración de Xosé Manuel Varela Varela, Xosé Pumar Gándara e Xosé María Varela Martínez. Tamén no Local Social de Cances permanecerá entre o 19 de maio e o 19 de xuño a exposición da fotógrafa Ana García O soño azul.

O venres 25 ás 21.00 horas é a presentación de Un mar de sensacións. Rutas e poemas para descubrir a Costa da Morte, un traballo que xunta a Xan Fernández e Rosalía Fernández Rial (pai e filla) para amosarnos a Costa da Morte dun xeito diferente. A cita está organizada polo Seminario de Estudos Comarcais e conta coa colaboración do Instituto de Estudos Bergantiñáns e o Concello de Carballo.