Print this page

Camuflaxe e Bibliópatas e fobólogos, Premios da Crítica 2017

Rate this item
(0 votes)

O sábado 21 de abril déronse a coñecer en Murcia os títulos que se fixeron co Premio da Crítica 2017 que concede a Asociación Española de Críticos Literarios (AECL). Os textos gañadores para a literatura galega foron Camuflaxe (Chan da Pólvora) de Lupe Gómez e Bibliópatas e fobólogos (Galaxia) de Emma Pedreira (Galaxia), propostos pola Asociación Galega da Crítica, nas categorías de poesía e narrativa, respectivamente. A resolución das diferentes fases de votacións tivo lugar no seo dunha reunión da AGC o día 6 de abril na Facultade de Filoloxía da USC.

Con Camuflaxe recoñecese a obra de Lupe Gómez, unha das voces máis singulares e de extensa traxectoria na poesía galega contemporánea. Sendo este o seu oitavo libro de poesía, Camuflaxe sobrevoa a vontade de formular un exercicio mimético para identificarse nun entorno no que se constata a desaparición da cultura do mundo rural e a forza do telúrico. Ademais formula unha dicotomía marcada pola presenza e ausencia da figura materna, o que tamén posibilita entender camuflaxe como unha elexía que bebe da memoria individual e comunal.

O libro de Emma Pedreira Bibliópatas e fobólogos constitúese como unha aposta narrativa que envolve o xénero do relato curto para reflexionar, a través de diversas historias, sobre a presenza dos libros e da escrita na vida cotiá. A autora fai uso do humor, un grande enxeño e a ironía para construír verdadeiras metáforas do noso tempo cun extenso e admirable catálogo de recursos literarios, propios dunha autora tan experimentada en diferentes xéneros.

O resto de premiados foron: 

En éuscaro: Mendi-joak (Elkar) de Aingeru Epaltza en narrativa e Barbaroak baratzean (Balea Zuria) de Luis Garde en poesía.

En castelán: Berta Isla (Alfaguara) de Javier María en narrativa e Clima mediterráneo (Visor) de Luis Bagué Quílez en poesía.

En catalán: Els fills de Llacuna Park (L'Altra editorial) de María Guasch en narrativa e Convivència d'aigües (LaBreu) de Zoraida Burgos en poesía.