Print this page

Bibliolab, unha serie de faladoiros abordan a violencia de xénero a través da literatura

Rate this item
(0 votes)

Pola historia que contan, pola contorna na que foron escritos ou polas experiencias vitais das súas autoras, algúns libros son unha boa ferramenta para coñecer, analizar e combater as violencias que se exercen contra as mulleres. Por iso, a Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo decidiu escoller unha serie de publicacións para argallar, arredor delas, un ciclo de faladoiros que baixo o nome de Bibliolab abordarán a violencia de xénero como unha realidade multidimensional. Esta iniciativa arrancou no díade onte e estenderase ata o 10 de decembro, con citas nos tres campus arredor de diferentes volumes.

A directora da Unidade de Igualdade, Águeda Gómez, explica que con este programa de faladoiros “tratamos de dar a coñecer os contidos dalgúns dos libros que abordan a temática da violencia machista e fixemos unha selección de obras publicadas no contexto galego coa finalidade de coñecer o que se está a crear no eido máis achegado”. Así, entre outros títulos os debates xirarán arredor de No camiño do vento, de Sesé Mateo; O conto da criada, de Margaret Atwood ou A dúbida, de María Reimóndez. 

En cada unhas das sesións participarán ou ben as autoras das obras ou ben persoas moi familiarizadas co texto. Os faladoiros vanse desenvolver nos tres campus universitarios, nas bibliotecas e tamén no museo Marco, tratando de achegar esta actividade a toda a cidadanía e de fomentar a reflexión sobre a violencia machista e a desigualdade de xénero a través da literatura científica e de ficción. 

A primeira sesión de onte xirou arredor de No camiño do vento, a obra póstuma de Sesé Mateo, asasinada pola súa ex parella en Redondela en 2017. Nesa cita interviron o fillo da autora, Joshua Alonso; Montse Vilar, da librería Lila de Lilith e a poeta Miriam Ferradáns.

O segundo faladoiro terá lugar o 10 de outubro na Biblioteca Rosalía de Castro de Ourense arredor de dous libros: Comezar desde cero. Voces de mulleres recuperando as súas vidas (Embora) e Vivo en una casa malva (Pintar Pintar). Nesta xornada participan Tania Merelas e Iris Díaz, autoras dos libros e Monse Vilar, da Libraría Lila.

Tamén en outubro, pero na Casa das Campás do campus de Pontevedra terá lugar a terceira cita, desta volta arredor do libro de Margaret Atwood O conto da criada (Irmás Cartoné), nun debate no que participarán Celia Recarey, tradutora ao galego desta distopía; a profesora da UVigo Amada Traba e Andrea Barreira, da Libraría Lila.

As tres sesións de novembro serán na cidade de Vigo. A primeira delas o día 7 na Escola Universitaria de Estudos Empresariais sobre o volume Leia, Rihanna & Trump. De cómo el feminismo ha transformado la cultura pop y de cómo el machismo reacciona con terror (Descontrol), coa participación de representantes de Proyecto Una, que impulsa esta publicación e Monse Vilar pola Libraría Lila de Lilith. O día 21, na mesma sede será a quenda de A violencia machista institucional, unha publicación coordinada por Iria Villar, que participará no faladoiro xunto coa profesora da Universidade de Vigo Carmen Verde e Monse Vilar pola Libraría Lila. O ciclo regresa ao Marco o día 10 de decembro para baixar o pano analizando tres obras da narrativa galega recente: Infamia (Xerais) de Ledicia Costas, A Dúbida (Xerais), María Reimóndez e Remexido de patacas (Baía), Eli Ríos, coa participación das tres autoras.

Todos os faladoiros serán ás 18.00 h. e a asistencia é de balde.

Ademais dos faladoiros, esta medida acompañouse dunha serie de volumes que se porán a disposición das bibliotecas da Universidade de Vigo, coas obras máis actuais do momento que abordan estes temas.