Print this page

Besta do seu sangue, de Emma Pedreira, gaña a XXV edición do Premio San Clemente Rosalía-Abanca

Rate this item
(0 votes)

O pasado martes 19 de novembro celebrouse no salón de claustros do IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela o fallo da XXV edición do Premio Arcebispo Xoán de San Clemente Rosalía-Abanca. O xurado estivo composto por alumnado de bacharelato de varios centros de Galicia, así como de diferentes países como Inglaterra, Francia, Alemaña, Portugal, Rusia e os Estados Unidos.

As obras galardoadas co premio foron Besta do seu Sangue (Xerais), de Emma Pedreira, na modalidade de lingua galega; Magnetizado (Anagrama), de Carlos Busqued, en castelán e 7-7-2007 (Salamandra), de Antonio Manzini, en lingua estranxeira.

O acto foi presentado pola profesora Maribel Martín e nel participou o alumnado voceiro do xurado, o director do centro, Xavier Mouriño, o presidente da Asociación Rosalía de Castro, Ubaldo Rueda, o director de Abanca na zona de Santiago, Ramón Mariño, e o Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García.

Ademais do IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela, os centros participantes no xurado desta edición son o IES Ramón Cabanillas de Cambados (Pontevedra), o IES Francisco Daviña Rey de Monforte de Lemos (Lugo), o IES Blanco Amor de Ourense, o IES Xelmírez II de Santiago de Compostela (A Coruña), o IES Pontepedriña de Santiago de Compostela (A Coruña), o Hockerill Anglo European College de Londres (Inglaterra), o Lycée Saint François Xavier de Vannes (Francia), o Grimmelshausen Gymnasium de Gelnhausen (Alemaña), o Napperville Central High School de Chicago (EEUU), a Escola Secundaria de Santa Comba Dão (Portugal) e o Colexio Nº 1558 Rosalía de Castro de Moscú (Rusia).

Besta do seu sangue relata, con grande orixinalidade, unha historia inspirada na figura e no mito de Blanco Romasanta desde unha visión que propugna unha revisión de xénero. As e os lectores do xurado tiveron que escoller entre a obra de Pedreira, As Ramonas (Galaxia) de Ana Cabaleiro, e Natura (Galaxia) de Iolanda Zúñiga, as outras dúas finalistas. Os títulos escólleos un comité asesor, que propón ao alumnado a lectura deses libros.

Nestes vinte e cinco anos deste galardón atopamos a nomes como os de Suso de Toro, Manuel Rivas, Rosa Aneiros, Teresa Moure, María Reimóndez, Anxos Dumai, Pedro Feijoo ou a Marcos Calveiro, gañador na súa última edición.

Partilla nas redes sociais:

Submit to TwitterSubmit to FacebookSubmit to LinkedInSubmit to DeliciousSubmit to DiggSubmit to Google PlusSubmit to StumbleuponSubmit to Technorati