O sábado, 21 de outubro, no Salón de Actos do Pazo de San Marcos, en Lugo, terá lugar a X Xornada de Literatura Oral. Nesta ocasión farase fincapé nas palabras con memoria, sobre todo no eido da toponimia, onomástica, lexicografía ou fraseoloxía.
Somos singulares porque cadaquén temos reservado en exclusiva un nome e uns apelidos; sabemos onde andamos e vivimos, o lugar que ocupamos no universo, porque pisamos territorios nomeados. Relacionámonos case exclusivamente con palabras que son consecuencia de ideas, pensamentos e accións verbalizábeis. Moitas veces este vivir acelerado fai que, sen decatarnos, esquezamos, que borremos da memoria a música de moitas das palabras que foron arrolo no berce das nosas vidas.
Para recuperar e actualizar esa memoria, nesta X edición da Xornada de Literatura de Tradición Oral –da man de coñecidas/os especialistas en toponimia, onomástica, lexicografía ou fraseoloxía–, evocarase a memoria das palabras que, tanto se as usamos coma se non, aínda están impresas no noso mapa emocional. Porque unha parte decisiva da nosa persoal e particular historia está rexistrada na alma das palabras.
Estas Xornadas están organizadas pola Asociación de Escritoras/es en Lingua Galega co apoio da Deputación Provincial de Lugo e a colaboración da Asociación Sócio-Pedagóxica Galega.
Contarase coas/cos relatoras/es Xulia Marqués Valea, Gonzalo Navaza, Isidro Novo, Mª Rosario Soto Arias, e mais cun faladoiro con Xesús Antón Gulías (investigador), Marcos Escudero, Xabier Quijada e Faustino Santiago Lema (canteiros).
Programa
10.15 h.- Recepción, entrega de material e inauguración
10.30 h.-11.30 h. Conferencia: Os sinais de identidade na tradición oral: breve achegamento dende o sistema antroponímico galego, a cargo de Xulia Marqués Valea
11.30 h.-12.30 h. Conferencia: Orfanato para ágrafas: Palabras ao ventimperio, a cargo de Isidro Novo
12.30 h.-14:00 h. Mesa redonda: Saber o seu nome sen perder a súa voz, coa participación de Xulia Marqués Valea, Isidro Novo e Antonio Reigosa
16.00 h.-17.00 h. Conferencia: Presenza de valores antropolóxicos, etnográficos e míticos na fraseoloxía, a cargo de Rosario Soto Arias
17.00 h.-18.00 h. Conferencia: Toponimia e lendas, a cargo de Gonzalo Navaza
18.00 h.-19.30 h. Mesa redonda: O abecé do noso ADN simbólico-cultural, coa participación de Rosario Soto Arias, Gonzalo Navaza e Isidro Novo
19.30 h.-20.30 h. Sesión práctica: Palabras con misterio: O Latín dos canteiros
Faladoiro co investigador Xesús Antón Gulías, e cos canteiro Marcos Escudero, Xabier Quijada e Faustino Santiago Lema.