Print this page

As letras galegas dan o derradeiro adeus a Xohana Torres, que finou onte aos 85 anos

Rate this item
(0 votes)
Xohana Torres Xohana Torres

A escritora e académica da Real Academia Galega Xohana Torres finou no día de onte en Vigo aos 85 anos de idade. Xohana Torres foi unha das voces máis senlleiras das letras galegas dende que a comezos de década dos 50 empezou a publicar en diferentes revistas e no ano 57 publicara en Galaxia o seu primeiro poemario, Do sulco. Dende entón a obra de Xohana Torres abarcou diferentes eidos literarios, como a narrativa, a literatura infantil, o teatro, o ensaio ata a tradución.

Xohana Torres naceu en Santiago de Compostela o 22 de novembro de 1931 e criouse en Ferrol, onde tivo como profesor a Ricardo Carvalho Calero. A vocación literaria de Xohana Torres manifestouse cedo e publicou os seus primeiros versos sendo adolescente na revista do instituto. Dende a década dos 50 publicou en diferentes revistas como Aturuxo, Vida Gallega, Vieiros ou Grial, pero non foi ata 1957 cando publicou o seu primeiro libro, Do sulco na colección de poesía Illa Nova de Galaxia, acabada de crear para acubillar as novas voces das letras galegas. Logo virían Estacións ao mar (Galaxia, 1980), Premio da Crítica española en 1981, Tempo de ría (Espiral Maior, 1992), Ferrol, corazón de navío (A Nosa Terra, 2001), Poesías reunidas (1957-2001) (PEN Clube, 2004), así como Elexía a Lola (2016), publicado o pasado ano en Engaiolarte, e onde recupera a figura da súa avoa que xa aparecera en Estacións ao mar.

Como dramaturga, cómpre salientar as súas contribucións ao teatro da posguerra con A outra banda do Iberr (Galaxia, 1965), gañadora do Premio Castelao do Teatro Galego da Agrupación Cultural O Galo, e mais Un hotel de primeira sobre o río (Galaxia, 1968). Asinou tamén a novela Adiós, María (Ediciones Galicia de Buenos Aires, 1971), Premio Galicia do Centro Galego de Buenos Aires, e, xa no eido da literatura infantil, Polo mar van as sardiñas (Galaxia, 1968) e Pericles e a balea (La Galera, 1984). Como ensaísta gañou o Premio Federico Maciñeira polo traballo San Andrés de Lonxe, mitos e ritos e de grande interese é o seu discurso Eu tamén navegar cando Xohana Torres entrou na Real Academia Galega no ano 2001.

A capela ardente de Xohana Torres abrirá hoxe mércores, ás 10 da mañá, no Tanatorio Vigo Memorial, onde será incinerada ás 21.30 h.