Print this page

As Feiras do Libro de Galicia percorrerán 16 concellos do país de marzo a agosto

Rate this item
(0 votes)

As Feiras do Libro de Galicia 2018 percorrerán desde o 16 de marzo e ata o 25 de agosto un total de 16 concellos do noso país, cun calendario ao que se suma, como novidade, Sanxenxo. As localidades de Verín, de Ferrol, de Santiago de Compostela, do Porriño, de Lugo, de Ourense, de Redondela, de Ribeira, de Vigo, de Rianxo, de Ponteareas, da Coruña, de Viveiro, de Foz e de Monforte de Lemos completan a programación deseñada pola Federación de Librarías de Galicia.

As feiras do libro veñen acompañadas dunha completa programación de actividades para todos os públicos, desde presentacións de obras, ata espectáculos como concertos ou contacontos. As Feiras do Libro de Galicia celébranse nos meses da primavera e do verán, con postos de venda de exemplares xestionados polos libreiros, o que, xunto coa programación de actividades paralelas, fai destes eventos unha cita de alto interese cultural.

Verín acolle o venres 16 de marzo o arranque das Feiras do Libro de Galicia 2018, ata o día 19. A continuación, percorrerán os concellos de Ferrol, do 19 ao 23 de abril; Santiago de Compostela, do 28 de abril ao 6 de maio; o concello do Porriño, onde se desenvolverán do 10 ao 13 de maio; a cidade de Lugo, do 15 ao 20 de maio; o concello de Ourense, do 30 de maio ao 6 de xuño; e o concello de Redondela, do 7 ao 10 de xuño.

Xa no inicio do verán, as Feiras do Libro de Galicia percorrerán os concellos de Ribeira, do 21 ao 24 de xuño; de Vigo, do 28 de xuño ao 7 de xullo; de Sanxenxo, entre o 10 e o 15 de xullo; de Rianxo, do 19 ao 22 de xullo e de Ponteareas, do 22 ao 29 de xullo. Pecharán a edición de 2018, no mes de agosto, na Coruña, desde o 1 ata o día 10; en Viveiro, do día 11 ao 15; en Foz, entre o 16 e o 19; e, finalmente, en Monforte de Lemos, do día 22 ao 25.