Print this page

As bicis, un poemario provocador de Xabier Cid para se facer co XXI premio de poesía 'Concello de Carral'

Rate this item
(0 votes)
Xabier Cid Xabier Cid Foto: Galipedia

Xabier Cid, coa súa obra As bicis resultou gañador do XXI Concurso de Poesía “Concello de Carral”.

O xurado salienta o bo nivel en xeral dos poemarios presentados, nos que houbo propostas poéticas moi distintas, tanto nas temáticas coma nas formas. Da obra gañadora o xurado salienta que é un libro escrito como un proxecto poético, construído desde unha suposta mirada e voz feminina e feminista, innovador na disposición dos versos e podéndose definir como experimental ou alternativo. Existe unha intención visual na disposición dos textos, explotando a posibilidade estética da páxina en branco. O autor provoca aos lectores a través das diferentes lecturas posibles.

O xurado do concurso estivo formado por Mercedes Queixas, Xosé Luís Mosquera e Verónica Martínez, coa presidencia da Concelleira de Cultura, Margarita Ramilo Varela, e asistidos en calidade de secretario, polo técnico municipal de Cultura e coordinador do premio, Carlos Lorenzo Pérez. Ao certame presentáronse un total de 38 poemarios.

Xabier Cid, natural de Ourense e actualmente residente en Escocia, é licenciado en filoloxía e mestrado en xestión deportiva. Foi finalista no ano 2000 do premio de novela curta Manuel Lueiro Rey con Terá as túas balas, publicada pola editorial Sotelo Blanco. Tamén ten traducido a Craig Patterson e a George Tucker.

O acto de entrega do premio terá lugar o 25 de maio, na Casa da Cultura de Carral, dentro da programación de Letras Galegas 2018. O mesmo acto, no que actuará o conxunto poético e musical Grupo Ouriol, servirá para a presentación do poemario que gañou na pasada edición, Das árbores tropicais e do amor de Xosé Luís Mosquera Camba.