Print this page

As bibliotecas de Oleiros conmemoran o Día da Muller Traballadora

Rate this item
(0 votes)

Para conmemorar na data de hoxe o Día Internacional da Muller Traballadora, as bibliotecas de Oleiros organizan un completo programa de actividades centradas na muller que se desenvolverán ao longo de todo o mes de marzo.

O vindeiro martes día 13 de Marzo, ás 19.00 h., no Teatro As Torres de Santa Cruz (R/ Emilia Pardo Bazán, 17) celebrarase unha conferencia da profesora, escritora e crítica cubana Mirta Yáñez, titulada Narradoras cubanas e o discurso feminino en Cuba. Este acto será presentado pola profesora de xeografía e historia do IES Neira Vilas de Perillo Carmen García-Rodeja e está organizado polo Sistema de Bibliotecas Públicas Municipais do Concello de Oleiros, dentro do que se inclúe a B.P.M. e Centro de Documentación da Muller “Rosalía de Castro”, especializada nesta materia e sita no edificio do Centro Cultural As Torres de Santa Cruz.

O xoves 22 de Marzo ás 19,00 h. presentarase igualmente no Teatro As Torres de Santa Cruz o libro Mulleres na guerrilla antifranquista galega (Laiovento) de Aurora Marco. Con este libro, Aurora Marco pretende recuperar os nomes, a voz e o papel que tiveron as mulleres na guerrilla antifranquista, tradicionalmente esquecidas pola súa condición feminina e por ser desafectas co réxime. Nesta presentación contarase coa participación de Francisco Pillado, director de Edicións Laiovento. Así mesmo, será proxectado o documental As silenciadas de Pablo Ces, baseado en testemuñas de mulleres que participaron na loita guerrilleira.

No mes de marzo as Bibliotecas Públicas Municipais de Oleiros distribuirán unha guía de lectura sobre a concepción, embarazo, parto, crianza e educación nas primeiras idades dos nenos e nenas titulada Axóuxeres, bicos, ... e noites sen durmir co obxectivo de que as nais e pais accedan mellor ao coñecemento de como enfrontarse a unha experiencia única e extraordinaria como é o nacemento dun fillo ou filla, os seus primeiros coidados, atencións, etc. Esta guía pretender ser unha ferramenta útil para que as futuras nais e pais poidan consultar unha selección de obras tanto de contidos como narrativas, que lles poden axudar a vivir esta etapa. Para a elaboración desta guía realizouse unha selección de diferentes fondos existentes na rede de bibliotecas de Oleiros.

Nos próximos meses tamén se realizará un Roteiro cultural e literario por distintos lugares do concello nos que viviron diferentes mulleres ilustres, como unha homenaxe a todas elas, como Emilia Pardo Bazán no castelo de Santa Cruz, a xornalista Sofía Casanova en Mera, María Casares e o pazo de Montrove ou en Nós no pazo da escritora Juana de Vega.