O crítico e investigador Armando Requeixo ven de gañar o XXII Premio Xornalístico Manuel Reimóndez Portela que organiza o concello da Estrada por cinco artigos publicados no Faro da Cultura do xornal Faro de Vigo.
Ao certame desta edición acudiron 16 autoras e autores cun total de 53 artigos. Requeixo presentábase con cinco artigos: Rosalía voa alto, Palabras para o Alén, Lingua Zombi, Cando iso non pode pasar aquí e De rosas e letras.
A entrega do premio terá lugar o venres 22 de setembro ás 19.00 h. dentro da programación da 31ª Feira do Moble de Galicia, que se desenvolverá dende mañá ata o 24 de setembro no recinto feiral da Estrada.
O Premio Xornalístico Manuel Reimóndez Portela é un certame que se celebra dende o ano 1996 en homenaxe ao médico, escritor e alcalde da Estrada Manuel Reimóndez Portela. Outórgase anualmente ao mellor traballo ou serie de traballos publicados en lingua galega, en calquera dos medios de comunicación escritos. Con este galardón, Armando Requeixo engade ao seu nome ao dos gañadores de edicións anteriores, entre os que atopamos a Olimpo Arca, Ricardo Martínez-Conde, Francisco Castro, Miguel Anxo Fernán Vello, Jaureguizar, Neira Vilas ou Francisco Fernández Rei, entre outros.