Print this page

Armando Requeixo asume o reto de organizar as actividades da Casa Museo de Álvaro Cunqueiro

Rate this item
(1 Vote)
Armando Requeixo Armando Requeixo Foto: AELG

O mes de marzo Mondoñedo abriu as portas para os visitantes a Casa Museo do escritor Álvaro Cunqueiro, situado fronte a catedral desta vila lucense. Ao equipo da Casa Museo incorpórase agora o investigador e crítico literario Armando Requeixo, que desenvolverá labores de coordinador de actividades e de publicacións, segundo informou a alcaldesa de Mondoñedo Elena Candiá.

Requeixo é un grande estudoso da literatura mindoniense e da obra de Álvaro Cunqueiro, entre os seus traballos atopamos títulos como Álvaro Cunqueiro e Mondoñedo (Fervenza), Escritores mindonienses (S.C. Valle-Inclán) ou Mondoñedo literario (Deputación de Lugo), alén de estudos sobre autores e autoras de Mondoñedo como Antonio Noriega Varela, Xosé Díaz Jácome, Álvaro Cunqueiro ou Marina Mayoral.

O plan de actividades a realizar terá lugar, na súa grande medida, entre os días 22 de decembro e 28 de febreiro, datas de nacemento e pasamento de Cunqueiro. Entre o abano de propostas que se desenvolverán estes meses está a realización dun ciclo de conferencias e mesas redondas titulado Cunqueiro, aquí e acolá, a publicación de materiais cunqueirianos, a creación dunha revista de estudos sobre Álvaro Cunqueiro ou a posta en marcha da Colección Selva de Esmelle. Actividades todas que axudarán a achegar ao público e a afondar na figura do xenial escritor.