O traballo O monte é noso. Conflitividade social no medio rural galego durante o Franquismo. O papel das mulleres na defensa dos montes veciñais en man común, de Araceli Freire Cedeira, gañou o II Premio de Ensaio Xohana Torres. O nome da gañadora deuse a coñecer no marco das actividades conmemorativas do Día Internacional da Muller organizadas polo Concello de Santiago de Compostela.
Freire Cedeira destacou o papel dunhas mulleres, daquela "vetadas no espazo público", grazas ás cales "fóronlles devoltos moitas propiedades que lle foran arrebatadas durante o Franquismo". Amais de expresar a súa satisfacción pola consecución do premio -o segundo que gaña tras facerse o ano pasado co Juana de Vega de novos investigadores-, a gañadora subliñou que constitúe un estímulo para seguir investigando. A esa motivación tamén se referiu a concelleira de Igualdade, Mar Martín, que animou a homes e a mulleres a seguir traballando nestas investigacións sobre a muller.
O xurado desta II edición do premio Xohana Toores estivo composto por Mar Martín García, concelleira delegada de Igualdade como Presidenta, e Rosario Álvarez Blanco, Anxo Tarrío Varela, María Pilar Jiménez Aleixandre e Lois Celeiro Álvarez como vocais, actuando como secretaria, por delegación do secretario xeral do Goberno municipal do Concello de Santiago, Gloria Novo Moreira.
A entrega deste Premio Xohana Torres é o primeiro dos actos organizados polo Concello de Santiago con motivo do Día Internacional da Muller. O acto central celebrarase no Hostal dos Reis Católicos o xoves 10, ás 20.00 h.. Será unha homenaxe a oito mulleres que destacan en diversos ámbitos da sociedade.
O Premio Xohana Torres de Ensaio encádrase entre as medidas que leva a cabo a Concellaría de Igualdade para a consecución dos seus obxectivos básicos, entre os que se atopan: potenciar a figura da Muller; deseñar, promover e poñer en marcha unha política para as mulleres que pugne polo seu desenvolvemento integral, pola equidade de xénero e por un cambio cultural que valore as súas achegas en todos os ámbitos; impulsar o respecto e o pleno desenvolvemento e difusión dos dereitos das mulleres…