Print this page

Antonio Piñeiro gaña o García Barros de novela

Rate this item
(2 votes)

O escritor e editor Antonio Piñeiro resultou gañador da XXIII Edición do Premio Manuel García Barros, coa novela As fiandeiras por decisión unánime do xurado, que estivo formado por Inmaculada Otero Varela, Armando Requeixo Cuba, Bieito Iglesias Araúxo, Carlos Lema, Valentín García Gómez que actúa como Secretario.

En opinión do xurado, a novela gañadora é intensa, reveladora e sutil e achega a historia dun tempo pasado lexible en clave presente, abrindo vías que convidan a repensar realidades como o poder, o xénero, o educativo ou o avance do progreso. Novela de prosa moi plástica e cinematográfica, presenta unha trama ambientada nos tempos das revoltas cantonais do XIX na que se desenvolve unha historia moi elaborada na caracterización psicolóxica dos personaxes, con decisiva pegada simbólica, onde se producen desvelamentos susceptibles de ser lidos dende a denuncia do social e que acaban por debuxar un delicado retábulo de seres e vivencias.

Antonio Piñeiro reside en Riveira, é profesor de Historia e dirixe a editora artesanal Bourel. Este ano obtivo o Premio Avilés de Taramancos co relato A dama fulxente (Toxosoutos).

Como gañador do certame Manuel García Barros, a súa obra será publicada por Editorial Galaxia.

O Concello da Estrada coa colaboración coa Consellería de Educación e OU, a Secretaría Xeral de Política Lingüística a Deputación de Pontevedra, e Editorial Galaxia leva 22 anos convocando este premio de novela longa en homenaxe a Ken Keirades, no ano 1989 inicia esta andaina e saca a luz Paisaxe con muller e barco de Manuel Forcadela e ten no seu haber obras como Magog de María Gándara, O espírito de Broustenac de Álvarez Cáccamo, Tal vez melancolía de Xosé Carlos Caneiro, As rulas de Bakunin de Riveiro Coello, Un nicho para Marilyn de Miguel Anxo Fernández, A vida que nos mata de Xavier López López, Lois, Helena un día de Tormenta de Manuel Veiga e As palabras da Néboa de Francisco Castro ou Un tipo listo de Xosé Monteagudo entre outras.