Print this page

Antonio Piñeiro faise co IV Premio Xosé Neira Vilas

Rate this item
(0 votes)

O ribeirense Antonio Piñeiro ven de gañar a cuarta edición do Premio Xosé Neira Vilas de novela curta, convocado pola Fundación Xosé Neira Vilas.

O xurado do premio, integrado polos membros do padroado da Fundación Juan Andrés Fernández, Rosalía Morlán, Pilar Sampedro e Fernando Redondo, así como polo crítico literario e profesor universitario Armando Requeixo, decidiu por unanimidade concederlle o premio á obra Esca do profesor, editor e escritor Antonio Piñeiro Fernández.

O xurado destacou a calidade dun relato que evoluciona en espiral creando unha atmosfera e un clima de tensión narrativa, así como pola súa ambición estética, prosa lírica e riqueza léxica; a creación de personaxes poderosos e ben caracterizados e, en definitiva, por compoñer un relato aberto a diversas interpretacións cun final impactante e iluminador.

Para o membro do xurado Armando Requeixo, Esca achéganos unha historia na que consegue un feliz trenzado entre a narración de suspense e a escrita sociohistórica, codificado todo nunha prosa de quilates poéticos, fulgurante nos seus símbolos e imaxes.

O xurado tamén subliñou a alta participación nesta cuarta edición, que acadou os trece orixinais presentados, a máis alta dende que se creou o premio.

O galardón será entregado o domingo 3 de novembro nun acto público na sede da Fundación Xosé Neira Vilas en Vila de Cruces (Gres) coincidindo coa conmemoración do Día de Neira Vilas.

O 2019 está sendo un bo ano para Piñeiro, xa que o Premio Neira Vilas é o terceiro galardón que acada este ano, tras o XIV Premio Narración Curta Concello de Curtis e o VII Premio de Novela Curta de Ribeira.