Print this page

Anna R. Figueiredo gaña o I Premio Viadutos de Novela do Concello de Redondela

Rate this item
(0 votes)

A obra Os bicos feridos, de Anna R. Figueiredo, impúxose por unanimidades no I Premio Viadutos de Novela que convoca o concello de Redondela. A obra gañadora será publicada por Galaxia o vindeiro outono.

O xurado, formado polas escritoras Inma López Silva e Tamara Andrés, as libreiras Mercedes Corbillón e Esther Gómez, e a editora Malores Villanueva, salientou a orixinalidade dos temas tratados na novela, a depuración do estilo "poderoso" e "por veces lírico", "a utilización da ironía e a personalidade das voces", así como a complexidade da trama. En Os bicos feridos, a través da historia dunha moza emigrante en Londres vanse debullando temas de fondo calado como a importancia das redes sociais nas nosas vidas, a complexidade das relacións familiares, entre as que destaca a maternidade, a soidade nas grandes cidades ou o medo á morte.

Este I Premio Viadutos de Novela nace da transformación do Certame de Relatos Curtos Os Viadutos, que acadaba no 2017 a súa decimo sétima, e que estaba considerado un galardón de referencia para os novos narradores en Galicia (podían concorrer obras de creadores entre os 18 e os 35 anos). Con este mesmo espírito anovador, o Concello de Redondela sobe agora súa aposta no apoio á creación en lingua galega e crea un premio de novela.