Print this page

Andrea Maceiras, Antonio M. Fraga e María Marco Covelo, gañadoras dos premios Xerais no 2020

Rate this item
(0 votes)

Onte anunciáronse os nomes das gañadoras dos premios Xerais, unha das citas senlleiras do panorama literario en Galicia, nas súas tres modalidades: novela de adultos, novela xuvenil e novela infantil.

Andrea Maceiras, coa novela A folla azul, foi a gañadora do XXXV Premio Merlín de Literatura Infantil; Antonio M. Fraga, con santoamaro, resultuou gañador do XII Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil; pola súa banda, María Marco Covelo acadou o XXXVII Premio Xerais de Novela coa obra Coidadora.

Os libros gañadores dos tres premios chegarán ás librarías no mes de abril de 2021.

A folla azul, de Andrea Maceiras.

A folla azul narra en primeira persoa a historia de Husu Aké, unha nena pertencente ao pobo amazónico dos Tacaré.

No corazón da Amazonia, sen contacto coa civilización occidental, a vida da tribo transcorre marcada polo ciclo da natureza e rexida polo espírito de Bekororoti. Ata que un día, a sabia avoa Arumi ten un soño premonitorio e presente que se aveciña un desastre. Sabe que é o momento de contarlle á súa neta Husu Aké, «a nena dos ollos de luz», o segredo que leva gardando durante anos e preparala para salvar o seu pobo da ameaza, a enfermidade e a morte.

Husu Aké emprende entón unha viaxe heroica na procura dunha folla azul, o único remedio capaz de salvar os seus segundo o soño da avoa Arumi.

santoamaro, de Antonio M. Fraga

Un grupo de amigos e amigas que acaban de rematar bacharelato deciden reunirse todos os sábados do verán pola noite na coruñesa praia de Santo Amaro. Queren aproveitar o tempo que lles queda antes do inicio dun novo curso con cambios importantes que poden supoñer a súa separación.

As relacións que se establecen entre eles e elas durante eses dous meses e medio, a evolución da súa personalidade, as preocupacións que lles xorden por distintos motivos vitais e a resolución deses conflitos propios da idade adolescente conforman a trama da novela, presentada como unha función teatral cuxo escenario é a propia praia.

Coidadora, de María Marco Covelo.

A novela gañadora do Premio Xerais de Novela aborda un tema de actualidade como é o das coidadoras e faino desde a perspectiva de alguén que coñece ben esa profesión de maneira que é quen de meternos na pel das persoas que o desempeñan, facéndonos partícipe da angustia que, en ocasións, provoca este traballo.

Ademais, o xurado salienta a inclusión na novela de focos temáticos vinculados coa ciencia, o  lirismo que agroma que en moitas das súas páxinas e a existencia de distintos niveis de lectura da mesma, sen esquecer o feito de que a proposta configura unha lectora, un lector, activo e interveniente e, en xeral, ofrece un traballo literario pouco convencional e arriscado.

 

Os xurados desta edición estiveron formados por:

No premio Merlín: Marta Añón Montes, mestra e autora de material educativo; Sonia García Vidal, mestra, ilustradora e videógrafa; Víctor Pérez Estévez, coordinador do Club de lectura Lendo Contigo de Espazo Lectura; María José Pousa, Asesora técnica docente de bibliotecas escolares; Mario Regueira, escritor e crítico literario; e Anaír Rodríguez, secretaria do xurado, en representación de Xerais, con voz e sen voto.

No Premio Jules Verne: Pablo G. Freire, redactor na revista online de literatura xuvenil El Templo de las Mil Puertas; Selina Otero, xornalista en Faro de Vigo; Cristina Álvarez Pérez, profesora de Educación Secundaria e coordinadora do Comando Le de Espazo Lectura; María Xesús Nogueira, profesora na USC e crítica literaria; Brais Nogueira, xornalista; e Xosé Manuel Moo Pedrosa, secretario do xurado, en representación de Xerais, con voz e sen voto.

No premio Xerais de novela: Noa Moreira, poeta; Carlos Coira, libreiro; Alberto Cifuentes, profesor; Sara Vila Alonso, xornalista; Iria Pedreira Sanjurjo, filóloga e tradutora; e Ramón Nicolás, secretario do xurado, en representación de Xerais, con voz e sen voto.