Print this page

Ana Varela gaña o VI Premio de Poesía Gonzalo López Abente

Rate this item
(0 votes)
Ana Varela Ana Varela Foto: Facebook Ana Varela

Onde nacen as hedras, de Ana Varela Miño, é o poemario gañador do VI Premio de Poesía Gonzalo López Abente, que convoca o concello de Muxía e a Fundación Gonzalo López Abente. A decisión do xurado foi por unanimidade.

En opinión do xurado, formado por Noelia Gómez Calvo (gañadora da edición anterior), Xulio Cid Neira e Xesús M. Sambade Soneira, en Onde nacen as hedras “atopamos coherencia e cohesión en todo o percorrido poético, desde o título, as citas introdutorias de Anne Carson e Louise Grück, ata o propio corpo do texto”. Trátase dun poemario que dá sinais, prevé o baleiro, abre as fendas do que xa non é, ata chegar a habitar o oco, ese lugar onde nacen as hedras. Neste tránsito, a escrita actúa como o oráculo que todo o ve, que todo o cose, incluso a ruína. Para o xurado “estamos ante o poetizar coidado e puído, que se revoluciona a si mesmo en cada poema. Unha linguaxe suave como o tacto da folla, composta de palabras que gabean pola lectura , como hedras”.

A poeta naronesa, ademais da cantidade económica establecida nas bases do premio, verá o seu poemario publicado, como en edicións anteriores deste premio, na colección de poesía de Xerais.

Onde nacen as hedras é o segundo libro de Varela, tras gañar o premio Francisco Añón de Poesía do 2017 por Asombrario.