Print this page

Amador Castro, Emma Pedreira e Rosa Aneiros gañan os Xerais deste 2019

Rate this item
(0 votes)

Xelís, o guieiro das botellas de mar, de Rosa Aneiros; Os corpos invisibles, de Emma Pedreira; e Shanghai a Barcelona, de Amador Castro, son as obras gañadoras do XXXIVª edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, do XIª edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil e do XXXVIª edición do Premio Xerais de Novela, respectivamente, que se deron a coñecer este pasado sábado en Vigo. Aos premios Xerais deste ano concorreron un total de 92 obras: 28 no Merlín, 20 no Jules Verne e 44 no de novela.

Sobre Xelís, o guieiro das botellas de mar, de Rosa Aneiros, o xurado destaca a excepcional construción dun universo propio, habitado por unha rica galería de personaxes que se sitúan entre o fantástico e o real, para tratar a problemática actual da crise ecolóxica e da contaminación do plástico. Salienta tamén a presentación do conflito entre tradición e cambio, así como a defensa do pensamento crítico e autónomo e a unión solidaria como medios para solucionar os problemas aos que se enfronta a humanidade. A historia está tecida mediante o uso dun galego de gran riqueza léxica que, con todo, non dificulta a perfecta accesibilidade da lectura. O xurado estivo formado por Sabela Fernández Trelles (profesora e asesora en Educación Infantil e Primaria), Sira González Rodríguez (bibliotecaria), María Jesús Iglesias García  (profesora de Educación Infantil e Primaria), Ángel Iglesias Mariño (profesor e membro de Espazo Lectura), Andrés Meixide Gayoso (deseñador gráfico e ilustrador) e o crítico e escritor  Miguel Vázquez Freire  que actuou como secretario, en representación de Xerais, con voz e sen voto.

Tras gañar o Xerais de novela na edición anterior, Emma Pedreira acada o Jules Verne de Literatura Xuvenil con Os corpos invisibles. No seu ditame, o xurado sinalou da obra gañadora a súa “orixinalidade da perspectiva adoptada para o desenvolvemento da trama; a innovación no seu achegamento a un clásico universal e ás autoras inglesas da época vitoriana; o firme feminismo da obra; o retrato social focalizado en problemáticas femininas e a visibilización do papel das mulleres. Tamén destacan o tratamento da violencia económica e a loita por ver recoñecidos os logros científicos e intelectuais das mulleres fronte á apropiación que deles fixo o patriarcado ao longo da historia”. Participou como xurado Javier Balea (divulgador científico, creador de “Moléculas en galego”), María Cerdeira González (estudante de Ciencias da Educación), David Díaz Díaz (profesor de Lingua galega e literatura, coautor de “Bolboretas no bandullo”), Tensi Gesteira Estévez (responsable do blog “Lecturafilia”), Olga Nogueira (profesora de Lingua galega e literatura)  e a profesora da Facultade de Ciencias da Educación da UVigo e crítica Isabel Mociño González, que actuará como secretaria do xurado, en representación de Xerais, con voz e sen voto.

Pola súa banda, Amador Castro Moure fíxose co premio Xerais de novela con Shanghai a Barcelona, unha novela sobre a emigración galega a Barcelona. O xurado do premio Xerais de novela 2019 estima que Shanghai a Barcelona presenta un orixinal emprego das voces narrativas, fiadas unhas con outras con afán de continuidade; destacaando a viveza e naturalidade dos diálogos e a efectiva creación dunha atmosfera abafante ao longo de toda a novela, alén da fusión dun rexistro coloquial nos personaxes cunha linguaxe lírica presente en forma de haikus. Ana Belén Moreda (profesora), Carlos Feijoo (avogado), Helena Torres (xestora cultural), Nuria Vil (poeta), Ana Abelenda (xornalista) e o profesor, crítico e escritor Ramón Nicolás que actuará como secretario do xurado, en representación de Xerais, con voz e sen voto foron os membros do xurado.

A festa de entrega dos galardóns terá lugar no mes de outubro coincidindo coa aparición dos libros editados das obras gañadoras.