Print this page

Alonso Montero e Fernández Paz, premios Losada Diéguez 2012

Rate this item
(0 votes)

O concello de Boborás acolleu o XXVII premio Antón Losada Diéguez, onde se premian e salientan obras publicadas no ano anterior de entre as presentadas a concurso polas editoriais. Hai dúas categorías: creación literaria e ensaio e investigación.

O xurado, presidido polo propio alcalde de Boborás, estivo composto por representantes da Real Academia Galega, do Consello da Cultura, das tres universidades, da Deputación Provincial de Ourense, do Museo do Pobo e do Concello do Carballiño.

Xesús Alonso Montero recibiu por unanimidade o galardón de "Ensaio e Investigación" pola súa obra Aníbal Otero. Lingüística e política en España na Guerra Civil e no franquismo. O xurado valorou que este traballo rescata unha figura moi significativa da cultura galega do século XX, gabando a gran riqueza de fondos documentais que manexa o premiado, e poñendo de manifesto a súa familiaridade coas circunstancias históricas que marcaron as vidas de intelectuais e investigadores galegos na guerra e inmediata posguerra.

No apartado de "Creación literaria" resultou premiado, tamén por unanimidade, o libro Non hai noite tan longa de Agustín Fernández Paz, destacando o xurado que se trata dunha obra narrativa impecable que indaga na conciencia nacional e nos reconcilia coa nosa memoria. Na mesma valoración, incídese na madurez literaria do autor e na difusión da obra que chegou a todo tipo de públicos.

Ambos os dous títulos foron publicados por Xerais.

O Premio Antón Losada Diéguez vén convocándose anualmente desde 1985 polos concellos de Boborás e O Carballiño, conta co patrocinio da Deputación de Ourense. A entrega dos premios realizarase o vindeiro 9 de xuño no curso dun acto que se celebrará no pazo da familia Losada Diéguez, situado na parroquia de Moldes do concello bobarense.