Print this page

Alba Cid, galardoada co Premio de Poesía Moza ‘Miguel Hernández’ 2020

Rate this item
(0 votes)
Alba Cid Alba Cid Youtube/TVG

Se hai uns días as letras galegas enchían de ledicia co premio estatal de poesía a Olga Novo polo seu Feliz Idade (Kalandraka), non menos ledicia supón a nova do Premio de Poesía Moza “Miguel Hernández” á poeta ourensá Alba Cid polo seu poemario Atlas (Galaxia).

Este premio, que outorga o Ministerio de Cultura e Deporte do estado español dende o ano 2010, distingue a obra poética de autoras ou autores menores de 31 anos que publicaran a súa obra en calquera das linguas do estado. Alba Cid é a segunda autora galega en acadar este premio tras o concedido a Gonzalo Hermo no 2015 por Celebración (Apiario).

O xurado do certame escolleu a obra de Cid “por constituír unha reflexión sobre como a literatura elabora mapas da realidade e sobre o valor moral que pode ter a literatura como problematización do mundo”.  Engadiu ademais que “é poesía tanto do coñecemento como da emoción, e presenta unha nova cartografía na que se funden o mapa do corpo co do planeta, a memoria e o enigma”. Á súa vez, tamén destacouse da obra gañadora que está “escrita coa lóxica do asombro e chea de referencias culturais que se contemplan desde unha mirada excéntrica que fermenta en rebeldía”.

Atlas, publicado por Galaxia na súa colección Dombate, é  un texto singular en que a palabra e a imaxe viaxan da man canda a ollada asombrada da poeta. Etimoloxías, historias naturais, prácticas culturais diversas… Os poemas e as fotografías fan calas nos cinco continentes e desprázanse adiante e atrás na historia á procura de encrucilladas luminosas. Unha nova cartografía. Un novo planeta.