Print this page

Actividades en Fene co gallo do Blanco Amor de novela

Rate this item
(1 Vote)

O concello de Fene, organizador do XXX premio de novela longa Eduardo Blanco Amor, ven de presentar un completo programa de actividades para divulgar a vida e obra do escritor ourensán.

Tertulias literarias, un grupo de lectura sobre A Esmorga, unha viaxe cultural a Ourense ou unha exposición de caricaturistas e ilustradores en homenaxe a Blanco Amor. Son algunhas das propostas coas que o Concello de Fene pretende arroupar este ano a convocatoria deste premio, un certame de marcado carácter municipalista que xurdiu por iniciativa do Concello de Redondela e no que Fene ven participando activamente dende a súa orixe.

Adicado a un dos máis grandes escritores da literatura galega de todos os tempos, o Premio de Novela Longa Blanco Amor, existe dende hai trinta anos grazas ao patrocinio dos concellos que decidiron apoiar esta iniciativa, 46 na anterior edición.

Dende a Concellería de Cultura, explicou a titular Rocío Bértoa, preténdese recuperar toda a documentación gráfica da homenaxe a Blanco Amor que tivo lugar no CCRD de Perlío no Nadal de 1976. Neste senso, a edil de Cultura fixo un chamamento a todas aquelas persoas que poidan ter algún material (fotografías, recortes de prensa, algún exemplar do cartel…) para que o cedan ao Departamento de Cultura onde se encargarán de dixitalizalo (co compromiso de devolución do orixinal).

Convócase tamén o Grupo de Lectura A Esmorga para ler ao mesmo tempo a obra do xenial ourensán, no que poderán participar todas aquelas persoas con inquedanzas culturais, gañas de ler, facer amizades e intercambiar opinións con outras persoas e que se reunirá na Casa da Cultura todos os xoves a partir do 26 de abril. Para participar, haberá que inscribirse antes do 24 de abril no Departamento de Cultura ou por correo electrónico. A actividade é de balde.

Entre as actividades que se están a organizar, salienta tamén unha viaxe cultural a Ourense, que terá lugar o vindeiro 12 de maio, para facer a rota literaria de A Esmorga e na que poderá participar calquera persoa que formalice previamente a súa inscrición.

Por outra banda, dende o Museo do Humor estase a preparar unha homenaxe de caricaturistas e ilustradores a EBA, en forma de exposición -comisariada por Siro- que estará aberta ao público na Casa da Cultura do 2 ao 23 de novembro para, posteriormente, itinerar polos concellos e entidades interesados.

Tamén na Casa da Cultura, entre o 20 de setembro e o 22 de novembro, terán lugar con carácter quincenal seis tertulias literarias nas que os participantes terán a oportunidade de dialogar con algúns autores/as que gañaron o Premio Blanco Amor nas súas edicións anteriores.

Con estes e outros proxectos varios, que a día de hoxe aínda están en fase de formulación, completarase, segundo Rocío Bértoa, unha ambiciosa programación para conmemorar ao nivel que se merece o trinta aniversario do Premio.