Print this page

Acordo de colaboración entre a Fundación Valle-Inclán e a Consellería de Cultura

Rate this item
(0 votes)

O presidente da Fundación Valle-Inclán, Xerardo Fernández Albor, e o Conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, asinaron un convenio de colaboración para a realización de actividades relacionadas co escritor. En total, a Consellería destinará 25.000 euros para conmemorar a figura do autor no 75 aniversario do seu pasamento.

En virtude deste acordo, desenvolverase un programa de actividades sobre a figura do escritor, entre as que destacan actuacións da Escola de Teatro Valle-Innova. O obxectivo é que o traballo realizado polos alumnos nos anos de aprendizaxe nesta escola se materialice coa posta en marcha de obras de Valle-Inclán nos concellos das catro provincias galegas. Ademais, publicarase un libro relacionado coa bibliografía do escritor; levarase a cabo un audiovisual titulado Realidade e Ficción en Romance de Lobos; adquiriranse libros de Ramón María del Valle-Inclán en diferentes idiomas e editarase o cuarto número da revista Bradomin.

Así, entre estas iniciativas acordouse manter un calendario estable de actuacións da Escola de Teatro Valle-Innova. A fundación que preside Xerardo Fernández Albor pretende que o traballo realizado nos tres anos de aprendizaxe se dea a coñecer coa representación de obras de Valle-Inclán en distintos puntos da xeografía galega, expandindo o seu legado por todos os concellos. De feito, con motivo do 75 aniversario do pasamento de Ramón María del Valle-Inclán neste 2011, a Fundación deseñou un amplo programa de actividades especiais para difundir a figura e a obra do escritor.

Doutra banda, a partir deste convenio publicarase un libro relacionado coa bibliografía de Valle-Inclán, que contará co apoio e colaboración da Cátedra Valle-Inclán da Universidade de Santiago de Compostela. Ademais, realizarase un audiovisual que levará por nome Realidade e Ficción en Romance de Lobos. O convenio asinado hoxe tamén contempla a adquisición de libros de Ramón María del Valle-Inclán en diferentes idiomas –alemán, francés, italiano e inglés- e de libros singulares ou primeiras edicións. O obxectivo e crear un fondo bibliográfico valleinclaniano específico.