Print this page

'Abride a fiestra' homenaxeará a Rosalía do 13 ao 15 de xullo

Rate this item
(0 votes)

O Festival Abride a fiestra, promovido pola Casa-Museo Rosalía de Castro, homenaxeará a nosa poeta nacional os días 13, 14 e 15 de xullo. Mercedes Peón, Najla Shami, Cintaadhesiva, Habelas Hainas, Margarita Viso ou a Coral Padronesa serán algunhas das manifestacións culturais inspiradas na autora de Cantares gallegos e Follas novas das que se poderá gozar.

O día grande será o 15 de xullo, data do pasamento de Rosalía de Castro, na que se celebrará unha xornada de portas abertas titulada "Rosalía en Festa" na Casa-Museo, na que ademais de actuacións musicais e unha feira con produtos rosalianos, haberá visitas guiadas por personaxes coñecidos ou especialistas, como a propia Mercedes Peón, o deseñador Pepe Barro -experto nas imaxes rosalianas-, o académico Xosé Luís Axeitos, a profesora Pilar García Negro ou o estudoso da horta rosaliana, Carlos Dacal. Outro dos atractivos é a proxección do filme Pelerinaxe lírica aos lugares rosalianos (1951) comentada por Xosé Manuel Beiras, que estivo presente naquela xornada histórica para o galeguismo despois do golpe militar.

Tamén haberá oferta para toda a familia, con contidos para os máis pequenos da casa: dúas sesións dun espectáculo de monicreques titulado A viaxe de Rosalía, de Larraitz Urruzola; e unha visita guiada especial para as crianzas protagonizada pola propia Rosalía (a actriz Mónica Caamaño), acompañada polo músico José Luís do Pico Orjais, que tamén estarán presentes ao longo do día en todo o festival.

Non faltará poesía, por suposto, na Casa da Matanza, cun recital poético a cargo de Ana Blanco, Nuria Vil, Ismael Ramos, Paula Antía Rei e Cinta Adhesiva (espectáculo poético-musical), alén da presentación do Libro Escolar de Poesía que publica anualmente a Deputación da Coruña cos gañadores do Concurso Escolar de Poesía Rosalía de Castro que organiza o enten provincial con El Corte Inglés.

E tampouco faltará improvisación oral, da man da regueifeira (e cantora) Alba María, e dunha das figuras emerxentes do xénero en Galicia, Xairo d'Herbón, fillo doutra referencia, Pinto d'Herbón. "Quero ver o mar" en Carril Como previa, Carril súmase á festa rosaliana cunha xornada o venres 13 titulada "Quero ver o mar" na que se inaugurará a exposición "Rosalía e o Carril" no Museo do Ferrocarril, e pola noite haberá lectura de poemas, dramatización do poema "Quero ver o mar" e unha recreación da derradeira viaxe en lancha que fixo Rosalía desde a praia á estación. Rematará cunha actuación musical de Najla Shami.

Máis información: