Print this page

A XII Festa da Palabra homenaxea á Xeración Nós

Rate this item
(0 votes)

Este domingo celebrouse na Ínsua dos poetas, no Carballiño, a XII Festa da Palabra, que lle rendeu homenaxe á Xeración Nós coincidindo co centenario da revista Nós (1920-2020).

Durante a celebración tamén se presentou o libro Camiño de Nós da man de César Lorenzo Gil, de Aira Editora. Camiño de Nós é unha publicación da editorial Aira que é a recolleita dunha crónica publicada en 1926 en A Nosa Terra, que narra a peregrinaxe de Ourense a Santiago realizada por persoeiros como Risco, Cuevillas, Otero Pedrayo, Lois Feixoo, Antón Sánchez ou Xavier Pardo. O volume, ademais dos textos de Xavier Pardo, conta coas fotografías de Xulio Gil, coas acuarelas de Isabell Seidel e cos debuxos de Miguel Robledo.

Na celebración entregáronse os premios "Insua dos Poetas" 2020: na categoría de Literatura á profesora e escritora Pilar García Negro; na categoría de Emigración a Regina Jallas; na categoría de Acción Social á Asociación pola Liberdade Afectiva e Sexual da Coruña; na categoría de Música a Ses; na categoría de Audiovisual ao Cineclub Carballiño; na categoría de Comunicación a Xosé Manuel Piñeiro; e o premio especial ao Traballo sociosanitario con enfermos de Covid-19 foi para as traballadoras e traballadores sanitarios da Residencia Integrada dos Milagros, Baños de Molgas.

A Fundación Insua dos Poetas ven celebrando a "Festa da Palabra" desde o ano 2009, unha cita anual que xa forma parte do calendario cultural do verán, na cal, ao longo destas nove edicións foron homenaxeados: Rosalía de Castro, Eduardo Pondal, Curros Enríquez, Celso Emilio Ferreiro, Xosé María Díaz Castro, Eduardo Blanco Amor, Francisco Luis Bernárdez, Pura e Dora Vázquez, Víctor Campio, Antón Tovar e a revista "Nós". O presidente da Fundación Ínsua dos Poetas, Luís González Tosar, anunciou que na edición de 2021, a Festa da Palabra homenaxeará "aos seis poemas en lingua galega que fixo o gran poeta Federico García Lorca".