Print this page

A USC acolle unha exposición sobre a simbiose entre poesía e artes plásticas na obra de José Ángel Valente

Rate this item
(0 votes)

Ata o 4 de xaneiro de 2020 pode visitarse no Colexio de Fonseca da Universidade de Santiago de Compostela (USC) a exposición ‘Valente e a unidade das artes’, que fai visible a parte artística dos fondos da Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética da USC, conformados polo importante legado do poeta ourensán, quen fixo doazón á Universidade do seu arquivo e da súa biblioteca persoais. Neste senso, o director da cátedra, comisario da mostra e amigo persoal do autor galego, Claudio Rodríguez Fer, subliña que Valente manifestou na súa obra a necesidade de recorrer ao diálogo multiartístico á hora de establecer o seu propio pensamento estético e a súa propia autopoética. 

José Ángel Valente (Ourense, 1929 - Xenebra, 2000), doutor honoris causa pola USC, onde estudou un curso, foi un verdadeiro escritor universal que se caracterizou pola interculturalidade e a interdisciplinariedade da súa obra. En consonancia coa súa crenza na unidade das artes, Valente publicou moi importantes libros de artista con diversos pintores e escultores europeos, cuxas contribucións se expoñen agora completas: Antonio Saura, Eduardo Chillida, Paul Rebeyrolle, Jürgen Partenheimer, Rafa Forteza e, sobre todo, Antoni Tàpies, o autor con quen máis veces colaborou e a que se debe o logotipo da Cátedra Valente. Este diálogo perdurou tras a súa morte, pois a súa esposa Coral, Leopoldo Nóvoa ou Rafael Pérez Carrió editaron postumamente, con versos do poeta, libros de artista que tamén se expoñen completos.

“Cando Valente fala de arte, faino, obviamente, sobre arte e sobre artistas, pero tamén sobre poesía e incluso sobre si mesmo. Acaso porque arte e poesía poden chegar, en esencia, ao mesmo coñecemento e incluso polos mesmos camiños, só que con instrumentos diferentes. Este é o reto dos libros feitos por Valente en colaboración con artistas e este é o seu sentido último, a súa razón de ser e o que os individualiza como obras únicas alén da simple superposición duns textos e dunhas imaxes”, conclúe Rodríguez Fer.

Como complemente a esta exposición, mañá luns, ás 20.00 h., o Ateneo de Santiago ten programada na Rúa do Vilar 19 de Santiago de Compostela unha conferencia impartida por Claudio Rodríguez Fer, Director da Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética da USC e Comisario da mostra.