Print this page

A Universidade de Vigo súmase á rede de bibliotecas en igualdade

Rate this item
(0 votes)
A Universidade de Vigo súmase á rede de bibliotecas en igualdade Fonte: UVigo

A Universidade de Vigo é, dende este luns, unha institución adherida ao Manifesto Bibliotecas en Igualdade. Así o ratificaron nun acto público o reitor, Manuel Reigora, e Anna Caballé, presidenta de Clásicas e Modernas, entidade que promove esta iniciativa. A sinatura desta acordo, que terá validez ata 2022, implica que a institución académica se compromete a activar unha mirada crítica con perspectiva de igualdade cando a comunidade universitaria se achegue aos estantes das bibliotecas. 

No acto de sinatura deste acordo, o reitor explicaba que con este paso, a UVigo trata de loitar contra a “invisibilización da muller escritora, da muller na ciencia, da muller na tecnoloxía. Queremos poñer en valor o papel real que ata agora tivo a muller e o que está chamada a xogar no futuro”. Reigosa tamén advertía de certo tipo de discursos que sosteñen que o camiño da igualdade xa está percorrido. “Incluso nunha institución nomeadamente máis igualitaria que a media, como é universidade, isto non é verdade. Hai atrancos, dificultades, un non recoñecemento da fenda de coidados, moito camiño por percorrer, un camiño longo e tortuoso”. Para seguir avanzando por este sendeiro, Vigo únese así á iniciativa Bibliotecas en igualdade, converténdose na primeira universidade galega en formar parte desta iniciativa, como puntualizaba a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama. 

Dende a asociación para a igualdade de xénero na cultura, Clásicas e Modernas, a súa presidenta Anna Caballé, agradeceu (a través de videoconferencia) á Universidade de Vigo a súa adhesión ao proxecto para o próximos tres anos e explicou que se trata de frear certas “inercias culturais” que invisibilizan as achegas das mulleres, un labor para o contan xa co apoio de 300 bibliotecas de toda España. “As institucións que velan polo patrimonio cultural e, entre elas, especialmente as bibliotecas, desempeñan un papel activo na mellora dos dereitos culturais da cidadanía e por iso poden contribuír á igualdade de oportunidades das mulleres neste ámbito”. Neste sentido, na carta de adhesión lembran que as bibliotecas “son expertas na forma na que se recompila a información, se presenta e se emprega”, e polo tanto, “poden abundar nos desequilibrios ou tratar de compensalos”. Deste xeito e no marco deste acordo, a UVigo traballará para loitar contra unha “inercia histórica e social pola cal as mulleres se ven desfavorecidas, se presta menos atención ao seu potencial creativo e menos esforzo para preservar a súa contribución ao patrimonio cultural”.

No transcurso do acto, o reitor e a presidenta da asociación asinaron a carta de adhesión da  institución académica ao Manifesto Bibliotecas en Igualdade, ao tempo que tamén se realizou a lectura dramatizada do texto Voaxa e Carmín de Esther Carrodeguas a cargo de Casilda Alfaro e Sonia Rúa. Un texto que, como explicaba a profesora da UVigo e actriz, Mariana Carballal, foi escollido “dentro do rico panorama da dramaturxia feminina galega” pola súa reivindicación da “liberdade, a dignidade e a resistencia”.

Entre os compromisos que asume a Universidade de Vigo coa adhesión a este manifesto está tratar de activar nas súas bibliotecas unha mirada crítica con perspectiva de igualdade. Así, daráselle unha maior visibilidade ás escritoras e ás súas obras, e demandarase que os fondos bibliográficos emenden, en formato libro ou dixital, os baleiros e as ausencias de obra literaria e intelectual escrita por mulleres de todos os tempos. Outro dos compromisos é elaboración dun catálogo dixital, así como a incorporación ás bibliotecas das publicacións de estudos e de investigacións sobre as achegas das mulleres á cultura ao longo da historia. Tamén se promoverá a adquisición de obras de lectura e de consulta procurando equilibrio na autoría para emendar o esquecemento e facilitar o acceso ás novidades asinadas por homes e mulleres e tratarase de potenciar a cooperación e a creación de alianzas entre bibliotecas e outros axentes implicados para a optimización dunha nova perspectiva que acabe coa fenda de xénero.

Entre as medidas concretas acordadas está a integración do criterio de igualdade home/muller e a constitución dos equipos técnicos, administrativos e de coordinación bibliotecaria e a aplicación da igualdade de acceso para os postos de responsabilidade tanto a mulleres como a homes. Tamén se velará para acadar a paridade nos consellos bibliotecarios, nos xurados dos concursos, nos comités de selección de libros en calquera soporte, nas compras e nos repositorios das bibliotecas. Do mesmo xeito, promoveranse accións para darlles visibilidade ás obras escritas por mulleres, detectando a asimetría de xénero na autoría de fondos bibliotecarios e promovendo o equilibrio nas propostas de ciclos, diálogos ou charlas e de encontros sobre obras escritas por mulleres e por homes.

A biblioteca da Universidade de Vigo é a segunda biblioteca do país en sumarse a este proxecto, tras a Biblioteca Pública Municipal de Verín que se sumou ao proxecto hai uns poucos meses.