Print this page

A tradución centrou as xornadas do Galeusca

Rate this item
(1 Vote)

A cidade de Barcelona acolleu os días 30 de setembro e 1 de outubro a trixésima edición dos Encontros Galeusca, reunindo autores e autoras da Associació d’Escriptors en Llengua Catalana, a Euskal Idazleen Elkartea e mais a Asociación de Escritores en Lingua Galega. Nesta edición a temática xirou sobre “A tradución literaria: profesión e creación”.

 

O Galeusca 2011 comezou coa mesa redonda Repercusión da edición dixital na práctica e os dereitos do tradutor, na que interviron Armando Requeixo, da AELG; Xabier Mendiguren, da EIE; e xurista e asesor editorial Mario Sepúlveda.

A continuación, na sala Sagarra celebrouse un recital de poemas en lingua orixinal e a súa tradución. Presentado por Isabel Olid, o recoñecido poeta catalán Bartomeu Fiol empezou lendo tres poemas de Georg Trakl e dous de Rainer Maria Rilke. A continuación Manuela Palacios leu os orixinais galegos e as súas traducións inglesas dun poema de Ana Romaní e outro de María Lado. Manuel Forcano leu catro traducións ao catalán de poetas hebreos, entre os cales Iehuda Amikhai. En éuscaro participou o tradutor Fito Rodríguez, quen leu un breve fragmento do ensaio de Proust Sobre a lectura. Finalmente a poeta Montserrat Abelló leu, en lingua orixinal e na súa versión catalá, poemas ingleses de Sylvia Plath, Margaret Atwood, Anne Sexton e Adrienne Rich. 

 

O 1 de outubro comezou a segunda xornada do encontro coa mesa redonda «Autotradución e tradución entre as nosas linguas e o castelán como lingua de mediación (ou non)», moderada por Laura Santamaria. De seguido a profesora Manuela Palacios, da AELG, presentou a antoloxía To the Winds our Sails, unha compilación de poetas galegas traducidas ao inglés e ao gaélico por parte de poetas irlandesas.

 

A asemblea xeral da Federación Galeusca pechou o encontro. O acto, conducido polo seu presidente de quenda, neste caso Cesáreo Sánchez (AELG), empezou coa lectura e aprobación do acta do encontro anterior, a de 2010. A continuación explicou o que fixo a federación este ano, que basicamente consistiu nas xestións para pedir do goberno español que a partida orzamentaria dedicada á ACE (Asociación Colegial de Escritores) se amplíle ou reparta entre todas as asociacións do Estado e non só ACE. De cara ao futuro insistiuse en traballar por este recoñecemento, así como por ter máis presenza nas actividades da Instituto Cervantes. Guillem-Jordi Graells, presidente do AELC, informou sobre o European Writers Council -o consello europeo de asociacións de escritores-, e a vontade da Federación Galeusca, xunto con outros estados, para que cada asociación de escritores teña un voto no consello e así eliminar a norma que outorga só dous votos por estado. O acto finalizou co traspaso de presidencia rotativa anual cara á asociación vasca de escritores, o Euskal Idazleen Elkartea, e coa lectura do Manifesto da Federación Galeusca 2011 en galego, éuscaro e catalán:

 

MANIFESTO DA FEDERACIÓN GALEUSCA

ATENEU BARCELONÈS - BARCELONA 2011

 

Reunidos en Barcelona o día 1 de outubro de 2011, Nós, escritoras e escritores galegos, vascos e cataláns, MANIFESTAMOS: 

 

1. En contra de todo intento de invisibilización, manipulación e desvirtuación cultural e nacional, somos escritoras e escritores galegos, vascos e cataláns aqueles que usamos como instrumento de creación as nosas respectivas linguas, é dicir, galego, éuscaro e catalán. 

 

2. A pesar dos adiantos en normalización, non só nos atopamos moi lonxe aínda dos mínimos esixíbeis nunhas sociedades nacionais asentadas, senón que asistimos no presente ao que consideramos unha involución no recoñecemento das nosas identidades. Damos conta máis unha vez da falta de cultura plurilingüe do Estado español, que nos últimos trinta anos non manifestou a vontade de favorecer un clima de educación para a convivencia democrática real e mutuo entendemento entre as diferentes linguas e literaturas do ámbito do Estado, sometidas sempre a ese mito anacrónico do "destino histórico" da cultura española.

 

3. Diante dos novos intentos de recentralizacion do estado unitario español, seguimos a constatar que, só se cada unha das nacións aquí representadas accedemos a maiores cotas de soberanía, haberá garantías de pleno restabelecemento a niveis de normalidade. 

 

4. Reiteramos o noso apoio aos modelos de inmersión lingüística aplicados polos nosos sistemas educativos como modelo de adquisición das nosas linguas e culturas minorizadas.

 

5. Que, vinte e sete anos despois do Manifesto de Poblet, os sucesivos encontros anuais demóstrannos a preocupación intensa dos escritores a respecto da problemática das nosas nacións sen estado, pois constatamos aínda hoxe a existencia de novas formas de censura económica e ideolóxica, que tamén afectan aos escritores e escritoras. 

 

6. Reafirmámonos no compromiso firme de aprofundar nas relacións continuadas de intercambio e de acción conxunta entre as literaturas de Galicia, Euskal Herría e Países Cataláns, a través da Federación Galeusca. En concreto:

-Promover intercambios de escritores/as e experiencias das producións literarias respectivas.

-Pór en marcha publicacións comúns adaptadas aos novos formatos dixitais de edición.

-Impulsar traducións mutuas destinadas a favorecer o transvasamento de experiencias culturais.

-Velar pola defensa conxunta e solidaria dos intereses profesionais. 

 

Finalmente, comprometémonos a continuar traballando no camiño xa comezado naquel primeiro encontro, celebrado en Poblet o día 24 de xuño de 1984, e autoconvocámonos anualmente para dar continuidade ao labor iniciado entón e hoxe desenvolvido a traves da Federación Galeusca, creada no ano 2009.