Print this page

A revista Raigame dedica un monográfico a Neira Vilas no seu último número

Rate this item
(1 Vote)

A Deputación de Ourense presentou o número 35 da revista “Raigame”, que dedica un monográfico ao escritor Xosé Neira Vilas. O autor de Memorias dun neno labrego estivo no acto de presentación da publicación xunto co presidente da Deputación, nx0woé Luis Baltar, e os directores da revista, Xulio e Mariló Fernández Senra.

Baltar dixo que Neira Vilas “é un dos bos e xenerosos da nosa terra”, e o feito de que Raigame lle dedique un monográfico “supón un recoñecemento á súa traxectoria e unha mostra máis da calidade que atesoura esta publicación”. Pola súa banda, Neira Vilas agradeceu “que me permitan compartir monográficos con autores tan ilustres da cultura galega como Xocas, Ramón Piñeiro, Lorenzo Varela, Lugrís Freire, Uxío Novoneira e moitos outros, o que demostra que esta plural e rica achega da nosa literatura nos diferentes números de Raigame fai que sexa unha publicación sen limitación xeográfica nin intelectual”.

O monográfico sobre “Memorias dun neno labrego” ten unha gran importancia, segundo Xulio Fernández Senra, “porque estamos diante dunha das obras máis universais da literatura galega,con máis de 700.000 exemplares publicados en 17 idiomas, incluídos o chinés e o esperanto, e cunha versión teatral en lingua maia e unha edición en braille”.

A análise desta obra en Raigame abórdase desde a óptica de literatos, profesores universitarios, críticos e xornalistas, que ofrecen ao lector un itinerario pola vida de Neira Vilas e de Balbino -o protagonista da novela-, para explicar o acontecido na vida dun neno na época da postguerra no rural galego.