Print this page

A Real Filharmonía de Galicia estrea a obra “Memorias dun neno labrego” de Aaron Siebert

Rate this item
(0 votes)

A Real Filharmonía de Galicia vai interpretar no día de hoxe, no seu concerto semanal de todos os xoves, no Auditorio de Galicia, ás 20.30 h., a estrea da obra Memorias dun neno labrego do compositor de orixe galega asentado en Nova York Aaron Siebert (1996), realizada por encargo da Real Filharmonía de Galicia, dentro da súa aposta polos compositores noveis. 

Inspirada na novela homónima de Xosé Neira Vilas, “é unha obra que se nutre das raíces musicais e culturais galegas para plasmar a miña visión persoal de Galicia vencellada ao mundo reflectido na devandita novela. A dramatización musical da vida de Balbino, o seu protagonista, céntrase no carácter único da súa inocencia: unha inocencia anciá, que funde infancia e vellez a través dun certo realismo máxico. Esta dicotomía é un alicerce central da miña visión da identidade de Galicia” -explica o autor-.

“Quizais teña algo que ver con esta conexión especial que sinto con Memorias dun neno labrego o feito de escribir sobre Galicia desde fóra, desde América, como o fixo no seu momento Neira Vilas. A vida de Balbino é tamén a vida da miña nai, dos meus avós e da Galicia de raíces pagás que tiven o privilexio de coñecer a través da xente maior coa que medrei” -indica Siebert-.

O compositor sinala que a obra é “música lírica, centrada na beleza da disonancia nas distintas familias da orquestra, estruturada en varias ondas de tensión que nacen de alalás e muiñeiras, gaitas e zanfonas, entretecidas e reinventadas en texturas orquestrais que culminan nun clímax que simboliza o renacer final de Balbino como adulto”.

De seguido o concerto seguirá coa obra Cantus Arcticus do compositor finlandés Einojuhani Rautavaara (1928-2016) e concluirá co Concerto para violín en re do tamén finlandés Jean Sibelius (1865-1957).

Como todos os concertos da tempada, poderase seguir en directo por streaming a través da canle de Youtube e do Facebook da RFG.