Print this page

A RAG inaugura a colección Anexos BRAG con obras sobre Saco Arce e Antonio Fernández Morales

Rate this item
(0 votes)

O gramático Saco Arce e o poeta Antonio Fernández Morales abren a nova colección Anexos BRAG da Real Academia Galega. Esta colección ten como obxectivo a publicación tanto de monografías que teñen a súa orixe nun ou varios artigos do Boletín da Real Academia Galega como traballos que pola relevancia e orixinalidade da súa temática e pola súa extensión merezan unha edición exenta.

O número 1, Gramáticos e Gramáticas. Homenaxe a Juan Antonio Saco Arce, recolle os traballos presentados na xornada organizada polo Seminario de Gramática da Real Academia Galega co gallo do 150 aniversario da publicación da Gramática Gallega de Saco Arce (Toén, 1835 – Ourense, 1881), celebrada en novembro de 2018 na capital ourensá. "Os lingüistas afirmamos con frecuencia que a Gramática gallega de Saco Arce (1868) é a primeira gramática galega elaborada con criterios científicos e tamén hai consenso sobre o feito de que se trata dunha boa gramática, un milagre na Galicia do seu tempo", salienta no limiar a coordinadora do Seminario de Gramática, Rosario Álvarez, responsable da edición.

O segundo volume de Anexos BRAG, Cartas e composiciois autógrafas de Antonio Fernández Morales a Mariano Cubí, ofrece a transcrición e a reprodución facsimilar das cartas que o poeta berciano dirixiu ao filólogo catalán no ano 1847. O académico correspondente Héctor M. Silveiro salienta no limiar da edición ao seu cargo a importancia destas misivas para a lingua e a literatura galega contemporáneas "por teren estes documentos escritos un carácter inaugural ou primordial". Os textos de Antonio Fernández Morales (Astorga, 1817- Cacabelos, 1896) encádranse, de feito, entre os primeiros documentos coñecidos do proceso de recuperación da escrita en idioma galego e "presentan ademais a singularidade de estar escritos no galego do Bierzo", apunta.

Os dous volumes poden consultarse en versión dixital de acceso libre na sección de publicacións de academia.gal.