Print this page

A RAG homenaxeará á poeta Luz Pozo no seu 95 aniversario

Rate this item
(0 votes)

A Real Academia Galega (RAG) renderalle á poeta Luz Pozo o día do seu 95 aniversario, o vindeiro venres 21 de xullo, unha homenaxe literaria e musical na sede da propia institución, á que se incorporou como membro correspondente en 1950 e da que é numeraria desde 1996. A RAG agasallará así "unha das voces máis excelsas, orixinais e vibrantes das nosas letras contemporáneas", salienta o presidente Víctor F. Freixanes.

Deste xeito, Xosé María Álvarez Cáccamo, Yolanda Castaño, Olga Novo, Pilar Pallarés, Olga Patiño, Eva Veiga, a académica Marilar Aleixandre e os académicos Xosé Luís Franco Grande, Salvador García-Bodaño e Manuel Rivas recitarán e comentarán poemas de diferentes obras e momentos da traxectoria dunha autora que leva oito décadas creando poesía. A escolma foi recollida para ocasión nun opúsculo, coordinado pola académica correspondente Olivia Rodríguez, condutora literaria da celebración. Nestas páxinas tamén visitan e analizan a súa poesía Claudio Rodríguez Fer e o académico Xesús Alonso Montero, encargados da presentación e da clausura do acto. A parte musical correrá a cargo da soprano Patricia Rodríguez Rizo e do Cuarteto Cimarrón, que interpretarán Tres cancións para Rosalía, adaptación musical de tres poemas da homeaxeada a cargo do compositor Gabriel Bussi.

Luz Pozo Garza naceu en Ribadeo no ano1922 e empezou a publicar os seus primeiros versos sendo aínda adolescente en Las Riberas del Eo, pero o seu primeiro libro, Ánfora, saíu do prelo en 1949. Un ano despois da publicación desta obra saudada con entusiasmo por persoeiros da escena literaria galega e mesmo por Gerardo Diego, foi nomeada académica correspondente da RAG. En 1952, con 30 anos, e cando aínda eran moi escasos os libros publicados en galego, sairía á luz O paxaro na boca, o seu primeiro libro nesta lingua e co que se abría a Colección Xistral, dirixida desde Lugo polo pintor e poeta Ánxel Xohán. Nesta obra Luz Pozo volve cantar ao amor e conforma un poemario cun erotismo feminino inédito na escena galega do momento, na que colleitou de novo excelentes críticas.

O amor e a sensualidade son constantes na obra de Luz Pozo, bilingüe ata mediados dos anos 70, cando decidiu instalarse definitivamente no galego. Volven estar presentes en Concerto de outono (1981) e Códice Calixtino (1986), libros centrados na dialéctica entre o amor e a morte nos que profundou nunha liña poética de estética clásica e filosofía platónica que culminou en Prometo a flor de loto (1992), poemario elexíaco dedicado ao seu compañeiro, o tamén poeta Eduardo Moreiras.