Print this page

A RAG e Marineda City promoverán a figura de Emilia Pardo Bazán

Rate this item
(0 votes)
A RAG e Marineda City promoverán a figura de Emilia Pardo Bazán Foto. RAG

A sede da Real Academia Galega e o centro comercial Marineda City da Coruña asinaron un convenio de colaboración a prol da difusión da vida e a obra da escritora. O acordo permitirá a celebración dunha velada cultural anual de homenaxe á autora (a primeira das cales terá lugar o vindeiro 29 de setembro) e a creación de dous premios literarios e un premio de fotografía que evoquen e recreen A Coruña, a cidade natal de Emilia Pardo Bazán, quen lle deu o nome literario de Marineda adoptado polo centro comercial, que patrocinará estas iniciativas. Marineda City comprométese ademais a seguir avanzando na promoción da lingua galega a través das actividades que desenvolve, da sinaléctica etc.

A primeira velada arredor da figura da escritora terá lugar o vindeiro 29 de setembro na Casa-Museo Emilia Pardo Bazán, ubicada na primeira planta do edificio que os descendentes da autora lle cederon á Real Academia Galega, institución da que Emilia Pardo Bazán foi presidenta honoraria no momento da súa fundación (1906). A cita traerá ao século XXI o espírito das veladas literarias da época na que viviu Emilia Pardo Bazán e combinará a lectura de textos de autora coa música do grupo De Vacas, que se achegarán coa súa frescura á figura de Emilia Pardo Bazán 166 anos despois do seu nacemento. A parte culinaria correrá á cargo da cociña de Iván Domínguez, do restaurante coruñés Alborada, distinguido cunha estrela Michelin, que ofrecerá unha reinterpretación das receitas da escritora.

No marco deste encontro daranse ademais a coñecer as bases dos premios literarios e fotográfico que patrocinará Marineda City, e que serán entregados na segunda velada cultural anual, en 2018, detallou Ana López Rodríguez. A xerente do centro comercial engadiu que no marco deste convenio Marineda City ofrece á RAG un espazo no centro comercial para que a institución poida difundir as súas actividades.