Print this page

A RAG e Cultura desenvolverán accións conxuntas neste 2012

Rate this item
(1 Vote)

A Real Academia Galega (RAG) acolleu a visita institucional do conselleiro de Cultura e do secretario xeral de Cultura. Ambos os dous foron recibidos na sede da entidade polo presidente da RAG, Xosé Luís Méndez Ferrín, polo seu secretario, Xosé Luís Axeitos; polo tesoureiro, Manuel González González; polo vicesecretario, Francisco Fernández Rei; e polo arquiveiro-bibliotecario, Euloxio Rodríguez Ruibal.

No encontro que mantiveron durante a visita, o conselleiro avanzou o compromiso do goberno galego de continuar apoiando en 2012 o labor da RAG. Ademais, presentouse as actuacións que ten previsto levar a cabo a Xunta ao longo deste ano, coa colaboración de diferentes entidades e institucións, para conmemorar o centenario do escritor Celso Emilio Ferreiro. Na reunión, ambas as institucións valoraron as posibilidades de que a RAG tamén participe na programación do ano do escritor, que responde a un acordo adoptado en outubro de 2011 no Parlamento de Galicia.

Pola súa banda, os representantes da academia informaron das previsións de actividades para celebrar en 2012 os cincuenta anos do Día das Letras Galegas, así como o calendario de iniciativas previsto para homenaxear a Valentín Paz Andrade, a quen este ano se lle dedica o 17 de maio.