Print this page

A RAG centrará na figura de Salvador García-Bodaño a celebración do Día Mundial da Poesía

Rate this item
(0 votes)
Salvador García-Bodaño Salvador García-Bodaño Foto: Ollo de Vidro - AELG

A Real Academia Galega homenaxeará a Salvador García-Bodaño o día 21 de marzo co gallo do Día Mundial da Poesía.

A celebración terá lugar a partir das 19.30 h. do xoves 21 de marzo no salón de actos da RAG, institución á que Salvador García-Bodaño pertence como membro de número desde 1992. Recitarán os versos do poeta vigués Dorés Tembrás, Xulio López Valcárcel, Alba Cid, Baldo Ramos e os membros da Academia Luz Pozo Garza, Margarita Ledo Andión, Xosé Luís Franco Grande, Darío Xohán Cabana, Helena Villar Janeiro e Marilar Aleixandre. Andrea Porto conducirá o acto, que abrirá o presidente Víctor F. Freixanes e pechará o académico Xesús Alonso Montero.

Salvador García-Bodaño deuse a coñecer como membro da xeración das Festas Minervais, certame recuperado no Santiago dos anos 50 no que foi galardoado en distintas ocasións, e confirmouse como un dos poetas máis valiosos dela coa publicación do seu primeiro libro, Ao pé de cada hora (Galaxia, 1967). Neste volume, singular no seu momento, conflúen xa o galeguismo e o existencialismo, dúas correntes fundamentais na súa formación intelectual que marcarán a súa traxectoria; e rexen tamén dous dos seus eixes: o amor á terra, á Galicia que dá nome ao poema que abre o libro, e retratada tamén a través de versos de homenaxe aos distintos escritores; e o amor feminino, expresado dun xeito moi persoal. O intimismo marca tanto a súa poesía do amor como a poesía civil, en contraste coa poesía social predominante nos seus anos de mocidade.

En 1978 saíu do prelo o seu seguinte título, Tempo en Compostela, merecedor do Premio da Crítica de Poesía Galega. Nestas páxinas a protagonista é o seu terceiro obxecto de atención poética, o seu espazo vital por excelencia: a cidade de Santiago. A urbe é aquí retratada cun alento entre lírico e épico absolutamente novidosos na literatura dedicada á localidade, advertía Carlos Casares na resposta que lle deu a Salvador García-Bodaño no discurso de ingreso na Real Academia Galega (1992), Compostela e as nosas letras ata o Manifesto Máis Alá, outra homenaxe á cidade que fixo súa.

Santiago de Compostela é tamén o escenario da súa principal incursión na narrativa, Os misterios de Monsieur D'Allier (Galaxia, 1992) Premio da Crítica Española de narración en lingua galega en 1993. Ese mesmo ano, a súa poesía publicada ata o momento aparece recompilada en Obra poética (Espiral Maior) e un ano despois sae do prelo aplaquette Pegadas no alcatrán (Café Central), un retrato crítico da decadencia da vida nas cidades que avanzaba a modernidade poética acadada en Cidade virtual (Biblos, 2003).

Xunto a outros títulos individuais, a obra do autor complétase con numerosas contribucións a volumes colectivos e unha intensa produción como articulista na prensa, que continúa na actualidade cunha columna dominical en El Correo Gallego. Cómpre sinalar ademais o seu labor como tradutor, vertendo ao galego títulos como Viaxe por Galicia (Xerais, 1993), centrado nas páxinas dedicadas a Galicia polo escritor George Borrow no seu The Bible in Spain (1843).

O académico desenvolveu tamén desde moi novo un intenso activismo cultural. Foi membro fundador da Asociación Cultural O Galo, do Instituto Galego da Información, do PEN Club de Galicia e da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, entre outras entidades.