Print this page

A programación teatral do Ano da Lingua levará a María Victoria Moreno por toda a provincia de Pontevedra

Rate this item
(1 Vote)

O Departamento de Cultura e Lingua da Deputación de Pontevedra aproveitou este pasado Día do Libro para presentar publicamente a programación teatral do Ano da Lingua que terá como protagonista a obra e a vida de María Victoria Moreno, a autora homenaxeada no Día das Letras Galegas no 2018.

Baixo o lema María Victoria Moreno a escena! a Deputación levará un total de 60 representacións teatrais por todos os concellos da provincia. "Con este programa o que facemos é democratizar de verdade o acceso á cultura, e conseguimos que todas as persoas, vivan no concello que vivan, poidan ver teatro de calidade" asegurou o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal.

O deputado nacionalista estivo acompañado na presentación por representantes de tres das compañías que fan parte desta programación, Anxo García de Viravolta Títeres-Seisdedos, Inacio Vilariño de Odaiko, e as tres actrices que conforman Matrioshka Teatro, Anabel Gago, Lorena Conde e Chelo do Rejo. Estas últimas escenificaron, ademais, un pequeno fragmento da súa montaxe que leva por título Señora que pasea pola rúa con dous cans preciosos e coa que poñen en escena a faceta docente de María Victoria Moreno.

Señora que pasea pola rúa con dous cans preciosos está baseado nas declaracións da propia María Victoria Moreno nas que aseguraba que prefería a súa faceta de docente por riba da de escritora. O espectáculo toca todos os aspectos que foron importantes na vida e na obra da escritora como son a literatura, o ensino, os animais e a natureza.

Viravolta Títeres-Seisdedos porá en escena Romance de cans, baseado no conto Can branco, can negro. Anxo García explicou que "María Victoria Moreno escribiu este conto en forma de romance polo que aproveitamos para recoller e introducir ditos e contos sobre cans e amosalos a través do personaxe do cego dos monifates".

Odaiko levará polos concellos unha obra titulada Mar Adiante baseada na primeira obra publicada por María Victoria Moreno, poñendo enriba das táboas o barco escola ‘Arroás', que é o fío condutor de todos os contos da obra orixinal.

Ademais destes espectáculos, a programación teatral do Ano da Lingua inclúe dúas propostas máis para público de todas as idades. Son Unha historia de amor. Homenaxe a María Victoria Moreno, un contacontos ilustrado para público familiar a cargo do colectivo Polo Correo do Vento; e a adaptación de Leonardo e os fontaneiros, unha produción da editorial Galaxia e que pon en escena Ubu Teatro, utilizando técnicas como a narración oral, a dramatización e o teatro de sombras.

Para público maior de 14 anos contémplanse dúas propostas: Señora que pasea pola rúa con dous cans preciosos de Matrioshka Teatro; e Anagnórise tamén producida pola editorial Galaxia e representada por Limiar Teatro, que utiliza un desmantelamento como escenario para ir percorrendo toda a road movie que narra a historia da obra orixinal.  

Todas as compañías participan na programación teatral do Ano da Lingua con 10 representacións cada unha, e todas serán de balde para o público ata completar o aforo dos lugares nos que se presentan.

Máis información: