Print this page

A Praza dos Libros volve un ano máis a Carballo

Rate this item
(0 votes)

Hoxe arranca a Praza dos Libros, a feira da creatividade cultural de Carballo. Esta edición a Praza dos Libros estará chea de referentes literarios da Costa da Morte. Empezando polo pregoeiro, Manuel Rivas, que durante a época na que viviu na comarca máis occidental de Galicia creou vínculos con Carballo; e rematando polo protagonista do último acto da Praza dos Libros, o poeta, político, percebeiro e axitador cultural Paco Souto, que recibirá unha homenaxe na que terán cabida a poesía, a música e as artes plásticas. Atesourando a palabra reunirá a moitas amigas e amigos de Paco Souto nunha lembranza colectiva prevista para o día 9 ás 21.00 h.

Entre o pregón de Manuel Rivas e a homenaxe ao recentemente finado Paco Souto desenvolveranse catro xornadas de actividades para todos os públicos e que van moito máis alá da literatura. Todos os días haberá actividades para nenas e nenos, o sábado 8 realizarase unha ruta guiada polos proxectos de arte urbana de Carballo, o domingo haberá sesión vermú con MJ Pérez, os artistas da zona exporán e venderán artesanía, fanzines ou cerámica, e o sábado 8 a partir das 20 horas terá lugar o Festifolk, este ano coa banda escocesa Capercaille como prato forte.

Entre os autores e autoras que pasarán pola Praza dos Libros estarán Xan Fernández Carrera, Suso Lista, Alberto Varela Ferreiro, Xosé María Lema, Fernando Cabeza pai e fillo, Rosalía Fernández Rial, Diana Varela Puñal, Héctor Pose, Manuel Rey, Xan Fraga e Modesto Fraga. E ademais o venres 7 Xabier Maceiras presentará unha nova publicación do Concello de Carballo, Contos mariños. Haberá, polo tanto, moitos autores e moitos libros, que achegarán as librerías Á lus do candil (Arteixo), Brañas Verdes (Carballo), Ler (Carballo), Roget (Vimianzo), Teldy (Carballo), Trasgo (Carballo). E ademais contarase con banda deseñada e novela gráfica en galego de Demo Editorial e coas coidadas edicións musicais de Prenom.

A Praza dos Libros estará aberta de 11.00 h. a 14.00 h. e de 18.00 h. a 22.00 h. no Xardín Municipal de Carballo, con descontos do 10% e con sorteos diarios de libros. 

Máis información: