Print this page

A praia dos afogados segue a colleitar éxitos

Rate this item
(0 votes)

Death on a Galician Shore, a tradución ao inglés de A praia dos afogados (Galaxia) de Domingo Villar, ven de ser seleccionada como unha das sete finalistas do CWA International Dagger Prize 2011, galardón que concede a asociación anglosaxoa de escritores de novela negra á mellor obra internacional do ano. Os títulos seleccionados déronse a coñecer no transcurso do International Crime Fiction Convention que se está a celebrar na cidade de Bristol (Reino Unido).

Este premio, o máis antigo e prestixioso dos que se conceden no xénero policial, recoñece a obra de Domingo Villar como unha das máis relevantes do ano a nivel internacional. O autor vigués competirá cos outros finalistas: os franceses Fred Vargas e Jean-Francois Parot, os italianos Andrea Camilleri e Valerio Varesi, o sueco Roslund-Hellstrom e o arxentino Ernesto Mallo.

O gañador darase a coñecer a finais do mes de xullo, durante o Harrogate International Festival.

Premio Frei Martín Sarmiento

Se hai pouco máis dun mes coñecíamos o nome dos premiados na VII edición dos premios Frei Martín Sarmiento, organizados pola Comisión de Normalización Lingüística de Escolas Católicas, o pasado venres fallouse o premio correspondente á sexta categoría, a de adultos. A novela de Domingo Villar A praia dos afogados superou ás outras dúas finalistas e fíxose co galardón desta edición. A praia dos afogados competía con Peaxes (Xerais) de Santiago Lopo e Un tipo listo (Galaxia) de Xosé Monteagudo.