Print this page

A Pontevedra escrita, coñecendo a cidade da man dos autores que escribiron sobre ela

Rate this item
(0 votes)

No mes de outubro volven os paseos literarios a Pontevedra da man de autores e autoras que relacionarán Pontevedra coa literatura e coa súa obra.

Esta iniciativa está promovida polo Concello de Pontevedra en colaboración coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) e, nesta ocasión, desenvolverase durante os sábados 5, 19 e 26 de outubro.

As persoas interesadas en participar xa poden inscribirse enviando un correo electrónico a Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. e indicar en cal dos tres paseos desexa participar. A inscrición, de balde, recollerase por orde de chegada e cada paseo ten un máximo de 50 prazas.

O primeiro dos paseos terá lugar mañá sábado 5 de outubro, baixo o título Poden o escritor e a literatura modular sentimentalmente a cidade?, e estará guiado por Adolfo Caamaño. O escritor é autor de dous poemarios e seis novelas, e o seu último libro Matar o heroe (Galaxia) foi publicado o pasado mes de xullo e galardoado co Premio de Novela Villar Ponte.

O segundo dos percorridos terá lugar o sábado 19 de outubro e estará guiado pola poeta María N. Soutelo, que titulou o seu paseo A cidade imaxinada: unha memoria familiar. MN Soutelo ten publicados tres poemarios e polo primeiro deles, Código poético (Sotelo Blanco) recibiu o XX Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón.

A terceira das propostas está programada para o sábado 26 de outubro e estará guiada por Elena Gallego Abad, baixo o título Pontevedra Dragaliana. Dragóns e recunchos máxicos na Pontevedra vella. Elena Gallego é autora da saga “Dragal”, que consta de tres libros, todos traducidos a varios idiomas, e que se basea na presenza do dragón na mitoloxía e nas lendas galegas. Polo primeiro libro da serie, Dragal, a herdanza do dragón (Xerais), recibiu o premio Frei Martín Sarmiento, outorgado por alumnado da ESO.