Print this page

A poeta Pilar Pallarés recibirá a homenaxe das escritoras e os escritores galegos

Rate this item
(0 votes)

A Homenaxe O/A Escritor/a na súa Terra, impulsada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), chega este ano á súa XXV edición recaendo, por decisión unánime da súa Asemblea de Socios e Socias, na figura de Pilar Pallarés, que será homenaxeada na Coruña, cidade na que residiu a maior parte da súa vida.

Esta iniciativa anual conforma xa unha tradición na traxectoria da Asociación, e tense constituído ao longo de máis de dúas décadas como unha celebración na que a terra de acollida do/a homenaxeado/a ten unha presenza fundamental. É vontade da AELG honrar escritores/as procurando o contacto directo co autor/a e a súa implicación persoal na xornada de homenaxe.

Trátase dunha celebración múltiple e popular en que se vén recoñecendo a entidade literaria de insignes figuras das nosas letras, a través dunha serie de eventos como a entrega do galardón Letra E de escritor/a (unha peza escultórica de Soledad Penalta), a plantación dunha árbore simbólica (un carballo elixido pola propia autora) e a colocación dun monólito conmemorativo.

Achegarse á poesía de Pilar Pallarés é xa de principio saberse nunha navegación cuxos riscos son os que a propia autora asume cando escribe: un corpo a corpo coa linguaxe que a compromete enteiramente nun combate no que é tanto presa como cazadora. Unha lide na que se dan cita en resonancia a vida e a morte, o amor e o desamor, a realidade existencial e a escrita, nun proceso -adoito deconstrutivo- de absoluta entrega.

Pilar Pallarés naceu en Culleredo no ano 1957. Tras a publicación do seu primeiro libro, Entre lusco e fusco (Ediciós do Castro), converteuse nunha das voces poéticas máis importantes da poesía galega. Posteriormente publicaría as obras Sétima soidade (Edicións da Sociedade de Cultura Valle-Inclán), Premio Esquío de poesía en 1983, Livro das devoracións (Espiral Maior) ou Leopardo son (Espiral Maior). O seu poemario máis recente é Tempo fósil (Chan da Pólvora), co que acadou o premio da Crítica Española 2018 na modalidade de poesía.

 

Programa

11.30 h. Xardín posterior ao Centro Ágora (A Coruña). Descubrimento do Monólito conmemorativo e plantación do carballo (árbore simbólica da escritora).

Interveñen: Alcaldía do Concello da Coruña, ou persoa en quen delegue; Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG; e a intervención da homenaxeada, Pilar Pallarés.

12.30 h. Salón de actos do Centro Ágora (A Coruña). Acto de entrega da “Letra E”. Interveñen: Alcaldía do Concello da Coruña ou persoa en quen delegue; Mercedes Queixas Zas, Secretaria Xeral da AELG; Cesáreo Sánchez Iglesias, Presidente da AELG.

Eva VeigaLaudatio.

Entrega da peza escultórica da artista Soledad Penalta.

Intervención da homenaxeada: Resposta á laudatio por parte de Pilar Pallarés.

14.30 h. Restaurante Domus A Coruña (R/ Ángel Rebollo, 91). Xantar de confraternidade. O prezo por persoa é de 37€, que se pagará no propio restaurante nunha mesa habilitada ao efecto. As prazas no restaurante son limitadas: dende a organización agradecen que as persoas interesadas fagan a súa reserva canto antes, chamando até o martes, terza feira, 25 de xuño -inclusive- ao teléfono: 981133233 ou enviando un correo electrónico a Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo..

Máis información: