Print this page

A poeta ourensá Chus Pato, Premio Clara Campoamor á igualdade de oportunidades

Rate this item
(0 votes)
Chus Pato Chus Pato Fonte: Galipedia

O xurado da duodécima edición do Premio Clara Campoamor á igualdade de oportunidades acordou por unanimidade concederlle o premio a Chus Pato, profesora de Ensino Secundario, feminista, escritora, integrante da Real Academia Galega e unha das figuras máis relevantes e vangardistas da poesía galega actual.

No seu fallo o  xurado subliñou que o traballo de Chus Pato “é recoñecido máis alá das nosas fronteiras, sendo traducida a súa poesía ao español, ao inglés, ao portugués, ao serbio, ao polaco, ao alemán, ao italiano, e ao árabe, entre outros, polo que a súa presencia está en todas as antoloxías internacionais”, segundo recolle a acta.

O xurado do premio estivo formado por Sofía Godoy, concelleira de Igualdade; María Elena de Jesús, directora do CIMM; María Elena Paz, en representación do Consello Municipal de Igualdade; María Luísa Rodríguez, da comisión de investigación e seguemento da violencia exercida contra as mulleres; María Luz Villar, escritora e dramaturga e María Jesús Vázquez, xefa de negociado da Concellería de Igualdade.

A obra de Chus Pato (Ourense, 1955) está recoñecida como unha das poéticas máis persoais e vangardistas da literatura actual. A súa é unha voz renovadora e rupturista que se caracteriza tamén por un fondo compromiso ético.

Os versos de Secesión (2009), lidos na súa propia voz son, desde 2015, os primeiros en lingua galega que forman parte dos fondos sonoros da Woodberry Poetry Room da Universidade de Harvard. A autora foi tamén convidada aos festivais internacionais de poesía de Barcelona, Rosario, La Habana, Bos Aires, Bratislava ou Rotterdam.