Print this page

A poesía, protagonista da XV edición do Simposio "O libro e a lectura"

Rate this item
(0 votes)

Poesía, a luz apagada? é o lema do simposio sobre o libro e a lectura que organiza a Asociación Galega de Editoras e o concello de Santiago de Compostela, en colaboración con CEDRO e o goberno de Galicia. O encontro O libro e a lectura alcanza así a súa edición número 15, que se celebrará na mañá e tarde de mañá xoves 15 e durante a mañá do venres 16 no auditorio do Consello da Cultura Galega.

Esta edición do simposio O libro e a lectura reúne a diferentes expertos e promotores da edición e difusión da poesía coa finalidade de ofrecer formación sobre o tema ao sector e ao público en xeral. Trátase dun encontro profesional onde se conversará, debaterá e reflexionará sobre a edición e visibilidade do xénero da poesía a través de diversas canles e experiencias.

Dúas conferencias, dúas mesas redondas, un panel de experiencias, unha actuación-performance e un recital poético vertebran un programa que se inicia o xoves 15 de novembro, ás 10.00 h. Yolanda Castaño encargarase da conferencia de apertura. Seguiralle o panel de experiencias Da edición á creación, con Paz Castro, Antía Otero, Isaac Xubín e Leire Bilbao (12.30 h.).

As sesións continúan na tarde do xoves, ás 16.30 h., coa mesa redonda "Novos camiños para a poesía", a cargo de Marcus Daniel Cabada (revista Ligeia), Anxos Rial (mestra e mediadora de lectura) e a poeta Celia Parra. Ás 18.30 h., Cinta Adhesiva ofrecerá unha actuación-performance para pechar a xornada do xoves.

O venres 16 de novembro, iniciarase a segunda xornada do simposio ás 10.00 h., coa mesa redonda "Canles de visualización", con Quico Valeiras, da libraría Chan da Pólvora; Nuria Vil e Lara Dopazo. Seguiralle o recital poético, ás 12.00 h., a cargo de Emma Pedreira, María Lado e Movemarcos (Leo e Xubín). Finalmente, Antonio García Teijeiro, encargarase da conferencia de peche das xornadas (ás 13.00 h.).

As sesións do XV Simposio da AGE están abertas ao público, que pode inscribirse de balde ata cubrir as prazas (aforo 100 persoas) no enderezo electrónico Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo..