Print this page

A Pobra do Caramiñal celebra un ano máis a Valle-Inclán nas súas XXII Xornadas

Rate this item
(0 votes)

A Pobra do Caramiñal acolle a vixésimo segunda edición das Xornadas de Homenaxe a Valle-Inclán. O programa deste evento está composto por un amplo e plural abano de actividades para tódolos públicos que se desenvolverán dende o hoxe ata o 31 de outubro, incluíndo teatro, exposición, ofrenda cívica ou conferencias, entre outros.

A inauguración das Xornadas realizarase no día de hoxe coa apertura da exposición Voces de Gesta. Tragedia pastoril no Museo Valle-Inclán. Trátase dunha reimpresión de pranchas de gravado orixinais (1911) elaboradas por Ricardo Baroja, Ángel Vivanco, Rafael Penagos, Moyá del Pino, Anselmo Miguel Nieto, Aurelio Arteta e Julio Romero de Torres, e que foron facilitados polo neto do autor Xaquín del Valle-Inclán. Co gallo desta mostra ábrese ao público a sala de Iconografía Contemporánea.

O apartado teatral desenvolverase no Teatro Elma. Quico Cadaval realizará no domingo 18 o monólogo Divinas Palabras. Imaxes Profanas, unha interpretación da obra de Valle-Inclán coa participación especial de Manuel Ayaso. Tatana Teatro será o encargado de poñer en escena no venres 23 unha adaptación en galego de Farsa e licenza da Raíña Castiza. 20_20. No domingo 25, Teatro del Norte levará á escena Retablo. De Valle-Inclán a Lorca. E a asociación cultural Eiradela converterá os exteriores da Torre de Bermúdez nun particular escenario para interpretar Delicias Literarias. Cadros escénicos e musicais, escolma de Un Cabecilla, Divinas Palabras e Luces de Bohemia no sábado 31. En caso de chuvia será preciso traslada-la cita ao Teatro Elma.

O eido literario e os coloquios tamén se desenvolverán no Elma. Neste senso, Xaquín del Valle-Inclán Alsina ofrecerá a conferencia La modernidad en el libro: La Reina Castiza no venres 23; mentres que Héitor Picallo presentará a publicación As Letras Galegas en Caricatura (1963-2020) no venres 30. De feito, esta última actividade tamén se adscribe á programación do Día das Letras Galegas que neste ano resultou preciso adiar en todo o territorio galego por mor da COVID-19.

Ademais, no venres 30 haberá unha ofrenda cívica onda o monumento de Valle-Inclán situado no Cantón da Leña, amenizada polo grupo de música tradicional Os Caraveiros, que se encargará tamén de realizar unha ruada por distintos espazos do municipio.

Dende o concello da Pobra indican que as actividades transcorrerán seguindo as medidas implantadas por mor do coronavirus, polo que as persoas interesadas en asistir deberán formalizar a súa reserva a través do teléfono de contacto 981843280, marcando a extensión 2014, en horario de 09.00 a 14.00 horas.

Máis información: