Print this page

A novela negra tomará o compostelán barrio de San Pedro

Rate this item
(0 votes)

Mañá dará comezo a primeira edición da Semana da Novela Negra, que se celebrará no compostelán barrio de San Pedro do venres 6 e o domingo 15 de abril. A acción está promovida pola libraría Pedreira e conta cunha serie de actividades arredor deste xénero, tanto en narrativa como en banda deseñada, ilustración, cinema... Levaranse a cabo coloquios, debates e presentacións coa presenza de escritores e escritoras de prestixio na literatura galega como Ledicia Costas, Elena Gallego, Miguel Anxo Fernández ou Diego Ameixeiras.

Como fío condutor das actividades, grazas á colaboración do escritor Héctor Cajaraville, creouse un misterio para que a xente que o desexe poida resolver: a desaparición no ano 2006 dun personaxe ficticio, Emilio Bugallido Matalobos, cuxo corpo apareceu neste 2018.

Nesta primeira edición, xunto á Libraría Pedreira, hai 19 establecementos máis do barrio que colaboran nesta actividade de dinamización comercial. Son: Café Bar Caraveliños, Café Bar Home Santo, Café Bar Oroña, Cervexería Merlego, Como Pez en el Agua, Cuadros Asorey, Delicias Canarias, El Taller de Fer, Escola Unitaria, Floristería Embora, Libraría Chan da Pólvora, M&M Ópticos, Mononoke, Óptica M&S, Pastelería Lambona, QueroTé, Restaurante A Moa, Restaurante O Dezaseis e Restaurante TS A Casa. Algúns deles realizarán actividades relacionadas coa novela negra ou de misterio, as cales se irán dando a coñecer a través das redes sociais e outros medios de difusión. Outros crearán especificamente escaparates, cócteles, doces ou calquera outro produto.

Esta Semana da Novela Negra tamén busca ser unha semente que permita desenvolver outro tipo de propostas posteriores no barrio, como un circuíto de locais onde de forma periódica (semanal ou mensualmente) se desenvolvan actividades relacionadas co tema.

A Semana de Novela Negra principiará co relatorio Diseccionando a lingua, que contará coas intervencións de Teresa Moure, Xerardo R. Roca e Marcos Maceiras. O sábado tocaralle a quenda ao obradoiro que impartirá Ledicia Costas e a súa Escarlatina, a cociñeira defunta. Presentacións, conversas, proxeccións de filmes e conferencias completarán o programa ao longo da seguinte semana.

Download attachments: