Print this page

A nova Biblioteca Pública de Ourense denominarase Xeración Nós

Rate this item
(0 votes)
Biblioteca 'Xeración Nós' Biblioteca 'Xeración Nós' Foto: Facebook Biblioteca

A Biblioteca Pública de Ourense chamarase Xeración Nós, tras a revisión por parte do goberno de Galicia de todas as propostas e as argumentacións recibidas por parte da cidadanía e entidades culturais.

O pasado mes de xaneiro a Consellería de Cultura e Turismo puxo en marcha un proceso aberto para que, as persoas interesadas, participasen na proposta de denominacións coa que nomear este novo equipamento cultural inaugurado en decembro en San Francisco. O goberno galego, como administración pública xestora desta biblioteca, recibiu ata o 3 de febreiro (data do peche de recepción de ideas) case 50 propostas e tras a revisión de todas e cada unha delas, decidiu que Xeración Nós é a denominación máis acaída.

A Xeración ou Grupo Nós foi un colectivo de intelectuais ourensáns, constituído legalmente en 1921, que lle imprimiu un importante pulo á cultura galega, principalmente no que se refire á renovación da prosa e do ensaio, así como ao seu cosmopolitismo. Nel atopamos nomes como os de Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo ou Florentino López Cuevillas. Cómpre destacar que este ano se celebra o centenario do inicio da publicación da revista Nós, que foi o principio dunha xeración especialmente brillante na investigación, divulgación e reflexión sobre a construción da identidade galega, con máis de 200 colaboradores de toda Galicia e de fóra dela ata 1936, ano de remate da súa edición. Todos estes aspectos xustifican a utilización do nome Xeración Nós, que forma parte do feito cultural ourensán, galego e internacional.

Ademais, cómpre sinalar que esta denominación recibiu o apoio de entidades culturais galegas e ourensás como a Fundación Otero Pedrayo, a Fundación Penzol, o Consello da Cultura Galega, a Fundación Uxío Novoneira, o Museo do Pobo Galego, a Asociación do Patrimonio Galego O Sorriso de Daniel, a Delegación Arxentina da Fundación Galicia América ou o Ateneo de Ourense, entre outras.

Logo da colocación da primeira pedra no 2003, finalmente a cidade e a provincia ourensá contan cun espazo no complexo cultural de San Francisco, que supón un incremento do 300% de superficie útil, en relación co vello emprazamento na rúa do Concello, e ao que se trasladaron 160.000 libros, 16.600 documentos audiovisuais e máis de 4.000 revistas e xornais.