Print this page

A mostra Pervivencia e actualidade de Eduardo Blanco Amor amosa intelectualidade, humor e a figura poliédrica do autor d'A esmorga

Rate this item
(0 votes)

O centro cultural "Marcos Valcárcel" da Deputación de Ourense inaugurou a exposición Pervivencia e actualidade de Eduardo Blanco Amor, unha mostra que amosa intelectualidade, humor e a figura poliédrica do autor que elevou a Auria a cidade literaria. A exposición, organizada pola Fundación Blanco Amor co financiamento da Deputación de Ourense, ofrece retratos e caricaturas de Blanco Amor, realizados por Siro López, e unha colección bibliográfica sobre o autor d'A Esmorga, de máis de 200 volumes, traballo realizado por Carlos Laíño.

O presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, quen presentou a mostra xunto a Luis González Tosar, Siro e Laíño, dixo que nas datas nas que se conmemora o 40º aniversario do pasamento de Blanco Amor, "damos un paso máis, con esta mostra, na difusión e na pervivencia do seu legado, facendo máis grande a un dos grandes das nosas letras".

O espazo expositivo do centro cultural exhibe os debuxos de Siro e a mostra bibliográfica de Carlos Laíño, a quen Blanco Amor bautizou como o seu "arquiveiro maior". Laíño dixo que Eduardo "era na súa vida e obra todo colorido e emoción, o que Siro transmite nos seus debuxos; unha figura poliédrica", e relatou que desde 1972, ano no que o coñeceu, foi recollendo o que el escribía e o que os outros escritores relataban sobre a súa obra. Todo elo abrangue un material de preto de 500 volumes, o que nos da unha idea da personalidade deste escritor, que xermolou noutros autores". Laíño avanzou que o día da clausura da exposición presentarase o catálogo da mostra, que enumera toda a obra de Blanco Amor e as portadas do material que se exhibe na exposición, así como unha bibliografía "imprescindible e básica para quen se queira achegar á obra de Eduardo".

Siro López dixo que na mostra de debuxos "pódese ver a un Blanco Amor ledo e divertido e tamén a outro que reflicte o seu interior e a súa complexa personalidade, algo que a min me emocionou moitas veces; e todo iso tratei de trasladalo a estes debuxos", afirmou.

Pola súa banda, o escritor e presidente do PEN Galicia, Luis González Tosar, expresou que a exposición "amosa a produción e a dimensión literaria de Blanco Amor, o que significou para el mesmo como autor e para os estudosos da súa obra, labor feita excelentemente por Carlos Laíño; e todo elo cun valor engadido: os retratos de Blanco Amor, obra de Siro López, artista plástico e investigador do humorismo, merecente de ser membro da Real Academia Galega".

A exposicion estará aberta ata o 15 de decembro.