Print this page

A literatura galega estará presente na Feira do Libro máis importante de Latinoamérica

Rate this item
(1 Vote)

As editoriais galegas expoñen os seus libros na FIL de Guadalajara (México) baixo as marcas Galicia e Galician Books e dentro do stand compartido pola Asociación Galega de Editores e a Xunta de Galicia. A Cámara de Comercio da Coruña apoia a presenza dos editores cunha misión, na que tamén viaxa a Secretaria Xeral Adxunta, Ana Agras Gómez.

A FIL comeza mañá sábado 26 de novembro e remata o 4 de decembro. Os organizadores do evento conseguiron que sexa a Feira do Libro máis importante de Lationoamérica e tamén difundir a idea de que a Cultura é a solución. Alemania é a cultura convidada desta edición.  

Amosan os seus libros e novidades editoriais s Editorial Ideas Propias, Editorial El Patito, Baía Edicións, Kalandraka Editora, Ediciones del Viento, Embora Edicións, Editorial Supérate, MC Sports, Editorial Linteo, Edicións Espiral Maior, Biblos Clube de Lectores, Edicións Nova Galicia, Auga Editora, Editorial Galaxia, Ir Indo Edicións, KNS Ediciones, Editorial Everest Galicia, Edicións Xerais, OQO Editora e Edicións Toxosoutos. Pola súa banda disporán de stand propio na FIL: Kalandraka Editora, Editorial Ideas Propias, Distribucións Arnoia, Edicións do Cumio e Librarías Nobel.

Axenda galega na FIL

Do 26 de novembro ao 4 de decembro de 2011 a delegación galega desenvolverá unha ampla programación de actos. A representación institucional da Xunta de Galicia correrá a cargo do director xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos, Francisco López. Na delegación institucional figuran tamén a escritora Rosa Aneiros e o escritor Marcos S. Calveiro.

Os días 27 e 28 terá lugar un encontro entre o presidente da Asociación Galega de Editores, Manuel Bragado, os escritores integrados na delegación galega e representantes do mundo editorial mexicano. Entre outros temas, os profesionais do sector debaterán acerca do intercambio de dereitos de autor con editoriais latinoamericanas.

O director xeral do Libro participará en diversos actos enmarcados na posta en valor da literatura e do libro galego. O 29 de novembro asistirá a entrega do Premio Iberoamericano SM de Literatura Infantil e Xuvenil, que nesta edición recaeu en Agustín Fernández Paz. Ademais, o expositor da AGE-Xunta acollerá o mércores 30 de novembro un diálogo entre os autores presentes na delegación e o público da FIL.

Co obxectivo de difundir a literatura galega no ámbito escolar e facer presente a nosa cultura entre a sociedade local, especialmente entre a xuventude, o propio 30 de novembro e o 1 de decembro, os autores das editoriais galegas acudirán a distintos centros de ensino e visitarán a Asociación de Clubes de Lectura de Guadalajara. Por outra banda, alumnos dun colexio de Guadalajara visitarán o 1 de decembro a Feira Internacional do Libro invitados pola Xunta de Galicia.

O xoves 1 de decembro, na Área Internacional da Feira realizarase un encontro arredor da literatura galega no que tomarán parte os escritores Rosa Aneiros, Marcos S. Calveiro e Agustín Fernández Paz.