Print this page

A literatura de viaxes ten unha nova cita en Compostela

Rate this item
(0 votes)

Esta mañá presentouse a segunda edición de LITVI, o Encontro de Literatura de Viaxes, que se celebrará en Santiago de Compostela entre o 14 e o 22 de xuño. Estas xornadas, enmarcadas na celebración do 800 aniversario da Catedral de Santiago, contan co patrocinio da Consellería de Cultura e Turismo e da Fundación Cidade da Cultura de Galicia.

No acto de presentación, o director xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos Francisco López estivo acompañado polo director-xerente da Fundación Torrente Ballester, Miguel Fernández-Cid, e pola directora de LITVI 2011, Ana Trevisani. Na súa intervención, Francisco López amosou a "satisfacción" da Consellería de Cultura e Turismo por participar "nun proxecto tan atractivo que se centra na literatura de viaxes" e destacou que nada mellor que Galicia, e en especial Santiago, para levar adiante unha cita como LITVI, "centrada nas viaxes e no coñecemento dun mundo complexo nas infinitas facetas que lle fornece a visión humana e os seus xeitos de transformalo".

Despois do éxito do seu primeiro ano, Santiago de Compostela volverá a acoller un encontro que contará cun programa literario, cafés dos lectores con escritores, proxeccións de fotografías, un laboratorio de creación literaria e cunha maratón de fotografía coa Catedral como protagonista, entre outras actividades.

A inauguración oficial de LITVI, será o próximo 14 de xuño na Cidade da Cultura de Galicia e contará coa presenza do escritor cordobés Antonio Gala, que ofrecerá unha conferencia titulada Unha viaxe literaria: o poema de Tobías desanxelado.

O programa literario de LITVI tamén conta con dous ciclos que levan por nome As catedrais, fonte de inspiración literaria e Viaxes literarias. Ademais de Antonio Gala na Cidade da Cultura, a Fundación Torrente Ballester recibirá a Julio Llamazares, ao escritor e xornalista nx0woé María Íñigo, Ramón Pernas, Toti Martínez de Lezea, Carmen Becerra e nx0woé Luis Corral Lafuente. Varios destes autores compartirán mesa e café cos lectores.

O festival Olladas viaxeiras, con Xurxo Lobato como comisario, proxectará na emblemática Praza da Quintana as mellores fotografías de catedrais e do National Geographic durante dúas noites. Eva van der Berg, editora da revista para España, tamén estará na cita.

A volta ao mundo en 80 sabores traerá as cociñas e os cócteles do mundo a Santiago de Compostela, coa elaboración de menús e receitas inspiradas en México, Canadá, Francia, Oriente Próximo ou Escandinavia. No Laboratorio de creación literaria, deseñado pola experta Soledad Felloza, os interesados poderán aprender a contar do mellor xeito as súas viaxes, reais ou inventadas.

O xogo Libro Viaxeiro é outra das novidades de LITVI 2011. En distintos recunchos da cidade agóchanse, desde a semana pasada, distintos libros que agardan por un lector. No enderezo de Facebook de LITVI atópanse a diario pistas para atopalos e fomentase a divulgación de experiencias.

Cómpre sinalar que durante as datas de LITVI a sede da Fundación Torrente Ballester contará cunha exposición sobre libros de viaxes de GALIX, Asociación Galega de Literatura Infantil e Xuvenil.