Print this page

A Galería Mulleres dedica o mes de novembro á activista María Miramontes

Rate this item
(0 votes)

A Galería de Mulleres da Biblioteca da Muller do Concello de Muxía dedica á activista e intelectual rexionalista galega María Miramontes (Bergondo, 1895-Bos Aires, 1964) este mes de novembro.

Coa Galería de Mulleres destácase cada mes o labor dunha muller no mundo das artes, as letras, a ciencia, ... Cada mes estará dedicado a unha muller e repartiranse carteis nos que apareza esa muller e indicacións para informarse sobre ela ou para acceder á súa obra. Con cada muller destacada indicarase que libro ou libros están á disposición do usuario/a na Biblioteca da Muller do Concello de Muxía, escritos por esta muller ou que fagan referencia á mesma.

María Miramontes foi unha muller moi activa política, social e culturalmente. Membro das Irmandades da fala, traballou a prol do Estatuto de Galicia. Casou co editor Ánxel Casal con quen fará un traballo conxunto no labor editorial polo que hoxe é recoñecido quen foi alcalde de Santiago de Compostela. Crean tamén unha escola aberta e popular, inspirada na Institución Libre de Enseñanza. Ela contribuía co seu oficio de modista a financiar todo este labor social e cultural. En agosto do 36 Casal é detido e asasinado. Trala morte do seu home e compañeiro, marcha a Bos Aires. O compromiso ideolóxico de María Miramontes enmárcase no movemento colectivo de signo feminista e progresista, no momento de esperanza para a cultura e a lingua galegas, os valores cívicos e os dereitos das mulleres que foi a segunda República. O xornal A Nosa Terra de Bos Aires publicou en marzo de 1965 unha nota necrolóxica escrita por Maximino Brocos (pseudónimo de Luís Seoane). Mais a partir deste momento o silencio e o esquecemento fixeron de María Miramontes unha muller inxustamente invisibilizada.